Cascada de cancelacións na Mariña polo brote do coronavirus

Galicia En Común-Anova Mareas suspende actos de campaña con Beiras en Ribadeo e Viveiro; os Concellos viveirense ou burelao aprazan actividades

Xosé Manuel Beiras. EFE

Galicia en Común-Anova Mareas suspendeu os actos previstos na Mariña Lucense para os próximos días debido ao brote de coronavirus que se rexistrou nesta comarca do norte lucense, entre eles, o mítin que o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras tiña previsto ofrecer en Viveiro.

Precisamente, a través dun vídeo, Beiras comunica esta decisión e pide “desculpas” aos cidadáns de Viveiro.

Ademais rememora como hai 32 anos “foi o único deputado” que acudiu a protestar contra os bidóns do Casón a San Cibrao e como estivo presente nas reivindicacións xunto ao comité de empresa, que chegou a ter que baixalo de “unha cheminea”, e como chegou a pasar a Noiteboa con eles.

No vídeo, no que está acompañado polo cabeza de lista de Galicia en Común por Lugo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Beiras reprocha ao presidente da Xunta e candidato popular, Alberto Núñez Feijóo, desta situación, por convocar eleccións autonómicas cando eran previsibles, dixo estes “rebrotes”.

“Pido desculpas por non poder estar o sábado alí, como tiña pensado”, manifestou Beiras. “Todo isto é culpa dos Gobernos do Estado durante estes anos (en referencia á situación da Mariña) e culpa de Feijóo, que, ademais, convoca estas eleccións pese aos posibles rebrotes, como o que está ocorrendo na Mariña e puxo por diante os seus intereses oportunistas por diante do respecto e dos intereses dos cidadáns e do resto de formacións políticas”, recriminou Beiras, quen dixo que debeu esperar “a que pasase de verdade a pandemia“.

Pola súa banda, Fernán-Vello encadrou a decisión de suspender os actos previstos en Ribadeo e Viveiro no “respecto escrupuloso” aos cidadáns da Mariña. “Por precaución e por estar situados na responsabilidade que temos como formación política coas persoas, a saúde, e os cidadáns da Mariña e de todo Lugo”, sentenciou.

VIVEIRO SUSPENDE O CAMPAMENTO URBANO DE VERÁN

O Concello de Viveiro tomou a decisión de aprazar polo momento o inicio do Campamento Urbano de Verán, previsto para o 8 de xullo, como consecuencia do rebrote de Covid-19 existente na comarca da Mariña e ante a necesidade de adoptar medidas que eviten a súa propagación.

As solicitudes de participación deben presentarse igualmente dentro do prazo establecido inicialmente, é dicir, ata o luns 6 de xullo.

Tamén se decidiu pospoñer, como medida de prevención, o proxecto ‘De Ruada’, que incluía actuacións musicais por sorpresa durante os sábados do mes de xullo polas rúas de Viveiro, Covas e Celeiro. Esta iniciativa de música na rúa quedará posposta á espera de ver como vai evolucionando esta situación.

BURELA CANCELA AS VISITAS AO BARCO-MUSEO, AS ESCOLAS DEPORTIVAS E A RUTA DO PEIXE

A Concellería de Turismo e de Deportes de Burela anunciou que se suspenden as actividades das escolas deportivas que ían comezar o vindeiro luns, debido ao brote de coronavirus que está a afectar á Mariña. Quedan canceladas tamén as visitas ao barco museo Reina del Carmen. O edil, Ramiro Fernández Rey, asegura que en canto sexa posible poderían reanudarse ambas cousas. Neste verán non haberá Ruta do Peixe por motivos de seguridade.

“Entendemos que a situación está lonxe de ser controlada e parece que cada día van aparecendo máis casos, e desde logo non queremos arriscarnos a que sexan focos de infección nin as escolas deportivas nin o barco museo”, zanxou.

Fernández manifestou que “polas mesmas circunstancias as Rutas do Peixe, que viñamos celebrando todos os anos e que tanto éxito estaban tendo e que tanta xente está preguntando por elas, neste caso falando con ABSA, que é a outra entidade que colaboraba, tamén decidimos que este ano non imos facelas”.

1 COMMENT

  1. Salven o vello metanno rápidamente outra vez no refuxio antinuclear da reborainas (ducado feudal da sua señoria excelsa) por favor… xa basta de tonterías e engaños… sabemos que caeron non mais baixo de podremios da unidade de expaña… e ademáis a quen lle importa… hoxe en día despois de todas as que fixo non e mais cun persoaxe ignorado e denostado por todo o país Galego!- xa e tempo de meter os abrigos do inverno no ropeiro coas boliñas de alcanfor!!!!

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here