IniciosociedadeA Mancomunidade amosará con rutas guiadas en agosto e setembro a riqueza...

A Mancomunidade amosará con rutas guiadas en agosto e setembro a riqueza natural e cultural da Mariña

O Barrio dos Muíños mindoniense e a Pena Abaladoira de Alfoz e a Fraga da Fruna valadourense, en plena Serra do Xistral, protagonizarán os primeiros percorridos

Publicada o

- Advertisement -

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense organiza unha serie de rutas en agosto e setembro para completar e diversificar a oferta do xeodestino ademais de axudar na reactivación da actividade turística. A Mariña en Ruta desenvolverase nunha primeira quenda os días 5, 10 e 12 de agosto. A iniciativa foi presentada este mediodía no Cenima de Foz.

A iniciativa, que se leva a cabo coa axuda da Axencia de Turismo de Galicia e, para a súa promoción, coa colaboración da Deputación de Lugo, nace para dar a coñecer a contorna natural –botánica, ornitoloxía, xeoloxía-, historia e arqueoloxía dos diferentes municipios do xeodestino da Mariña Lucense. Trátase dun programa de rutas e actividades en torno á cultura e a natureza do xeodestino, que dotará dunha oferta turística ao aire libre á comarca durante os meses de agosto e setembro.

ENCLAVE NATURAL “ÚNICO”

A mancomunidade resalta que, por un lado, a Mariña é un enclave natural único, “con 114 quilómetros de costa e 18 áreas protexidas. É o caso da Reserva da Biosfera Terras do Miño ou a do río Eo, Oscos e Terras de Burón que abarcan varios concellos da nosa comarca. Así como os Monumentos Naturais de As Catedrais e o Souto da Retorta, varias ZEC (Zonas de Especial Conservación), ZEPA (Zonas de Especial Protección para as Aves), Humidais de Importancia Internacional RAMSAR ou espazos Rede Natura 2000 coma a Serra do Xistral“, remarca o colectivo de municipios. Tamén destaca as covas do Rei Cintolo, pasando polos estuarios e marismas das rías, os bosques e fragas dos vales fluviais.

LEGADO CULTURAL “DIVERSO E SINGULAR”

Por outra banda, a nivel cultural A Mariña ofrece “un legado diverso e singular, con xacementos arqueolóxicos megalíticos e castrexos, fortalezas medievais e castelos, igrexas e templos de diversos estilos arquitectónicos, cascos históricos de vilas, muíños, hórreos e outros elementos da arquitectura popular tradicións, así como oficios e técnicas artesanais.

A Mancomunidade busca promocionar estes recursos turísticos coas novas rutas, que terán lugar durante agosto e setembro de 2020.

AS MIL HISTORIAS DE MONDOÑEDO

A primeira delas comezará o próximo mércores, 5 de agosto, en Mondoñedo. Tratarase dun paseo cultural pola cidade para coñecer mellor o amplo e valioso patrimonio desta vila, capital dunha das sete provincias do Antigo Reino de Galicia, e un dos seus barrios máis emblemáticos: o Barrio dos Muíños, da man de Claudia del Pino.

CULTOS DE FERTILIDADE NA PREHISTORIA

A Mariña en ruta continuará o 10 de agosto, cun percorrido pola Pena da Abaladoira con Pedro Rolle e Guido Guía. Trátase dun roteiro de trazado circular que discorre integramente pola Serra do Xistral, unha paraxe natural que pertence á Rede Natura 2000, zona LIC (Lugar de Interese Comunitario) e ZEPVN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais). Nela nacen os principais ríos da comarca: Ouro, Masma e Eume.

Neste roteiro poderase gozar do máis importante complexo de turbeiras de cobertor do sur de Europa, así como da flora e fauna a elas asociada, fragas de especies autóctonas e un mar de formacións rochosas onde se atopa Pena Abaladoira, un bolo granítico que se empregou desde tempos prehistóricos en cultos de fertilidade e noutras funcións ao longo dos séculos.

TRALAS PEGADAS DA FAUNA NO XISTRAL

O 12 de agosto será a quenda do roteiro á Fraga da Furna, unha ruta de interpretación de ecosistemas característicos da Serra do Xistral, da man de Óscar Chao, que dende o ano 2017 é Coordinador do premiado Proxecto Rebinxe e presidente da Asociación Rebinxe pola recuperación da biodiversidade.

Pretende ser unha iniciación á procura e interpretación de indicios de presenza de fauna silvestre (pegadas, excrementos, depredacións). A ruta discorre por unha das fragas mellor conservadas do norte galego, onde se analizará a súa orixe xeolóxica, a súa fauna e flora asociadas, e os asistentes comprobarán o contraste cos ecosistemas de altura e turbeiras de cobertor, así como a presenza de diferentes especies animais, normalmente esquivas e de hábitos nocturnos, a través de cámaras de foto-trampeo.

INSCRICIÓNS

A duración das rutas será de entre dúas e tres horas, con 15 prazas para os percorridos cun guía e 25 para aqueles nos que haxa dous guías.

O prezo será de cinco euros no caso de reservar unha praza, oito para as parellas e doce para as familias ou grupos de ata cinco membros. Podes atopar nesta ligazón o formulario de inscrición. Atenden e informan no correo enruta@amarinalucense.gal e no número de teléfono 722.16.41.06.

XEODESTINO NON MASIFICADO

O presidente da mancomunidade, Fran Cajoto, dixo que o obxectivo é “poñer en valor os nosos recursos, promocionar o turismo como xeodestino único que somos, nun momento de crise económica que estamos vivindo asociada a eses positivos que temos de Covid-19, que afortunadamente pasamos o peor nesta oleada e que nos imos recuperando. Somos un destino que non está masificado, que ao contrario é tranquilo e agradable, e que nos permite desfrutar dunha zona única”, remarcou.

O deputado de Participación Cidadá da Deputación de Lugo, Roberto García, e delegada territorial en funcións da Xunta de Galicia, Marta Barreiro, participaron tamén na presentación, así como Carlos Gil, da empresa Maremasma, encargada de coordinar o proxecto.

Gil explicou que “o proxecto xira en torno a tres piares básicos: a posta en valor dos recursos culturais e naturais do xeodestino; a transversalidade a nivel de municipios, incluíndo a todos; e tamén realzar o talento deses guías que van mostrar parte do seu coñecemento a través deste programa”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...