A multinacional Alcoa expuxo este martes a través dun comunicado de prensa a súa visión sobre o encallamento das negociacións con Liberty House para a venda da planta de aluminio de San Cibrao. Segundo o calendario acordado, o pasado domingo deberase finalizar unha primeira parte do proceso, pero polo de agora non houbo acordo entre a titular das instalacións e o potencial comprador. Deste xeito, non se avanzou polo de agora cara un segundo período no que se debera realizar unha auditoría da fábrica para presentar unha oferta vinculante. O pasado luns, os traballadores acusaran á propietaria de poñer “todas as trabas posibles” a unha compra.
AFIRMA QUE NEGOCIA “DE BOA FE E DILIXENTEMENTE”
Segundo indica na nota, a propietaria “estivo negociando de boa fe e de maneira dilixente con GFG Alliance“, grupo no que se engloba Liberty House, “para chegar a un acordo sobre as condicións xerais para a venda da planta de aluminio, que debían pactarse antes do 30 de agosto”. A multinacional estadounidense asegura que realizou “concesións substanciais” para facilitar a venda, mentres que Liberty House, sostén, “continúa expondo demandas non razoables e fóra dos límites do acordo do 13 de agosto”. Alcoa rexeitou a petición do potencial investidor de ter unha opción preferente sobre a planta de alúmina, pola que, de momento, a titular do complexo industrial se nega a negociar.
A PROPIETARIA DI QUE SE COMPROMETEU A ACHEGAR 50 MILLÓNS E FACILITAR A VENDA “POR UN EURO”
Alcoa afirma que fixo “unha proposta xusta e razoable a GFG para facilitar a adquisición da súa planta de aluminio. A empresa accedeu a vender a planta por un euro, a achegar 50 millóns de dólares a un fondo para tratar de garantir o éxito futuro da planta, a pagar os custos (estimados en ata 60 millóns de dólares) necesarios para a separación da planta de aluminio da refinería, e a conceder un contrato de subministración de alúmina por cinco anos en condicións estándar de mercado”, argumenta. A multinacional estadounidense sinalou tamén as peticións da siderúrxica británica: “GFG Alliance está a pedir comprar a planta de aluminio por un euro e que ademais Alcoa asuma custos de ata 170 millóns de dólares na venda, négase a comprometer financiamento propio para a viabilidade futura da planta, insiste en obter opcións exclusivas para controlar a refinería de alúmina de San Cibrao e pretende obter un contrato de subministración de alúmina durante 20 anos, sen precedentes no mercado e fóra dos límites das prácticas habituais desta industria”.
A TITULAR SEGUE A SEMENTAR DÚBIDAS SOBRE O PROXECTO INDUSTRIAL DO COMPRADOR
“GFG afirmou que estaba disposta a asumir todas as perdas da operativa en curso e responsabilidades da planta de aluminio. Agora, GFG só se ofreceu a pagar un máximo dun millón de euros ao mes ata o peche da transacción, cantidade substancialmente menor que as perdas mensuais actuais”, indica Alcoa, que segue a sementar dúbidas sobre o proxecto industrial a longo prazo de Liberty House. “Non proporcionou un plan de negocio que describa como garantirá o futuro da planta de aluminio e achegará unha solución enerxética competitiva”, manifesta.
“Á ESPERA DUNHA RESPOSTA” DE LIBERTY HOUSE
Alcoa finaliza a nota resaltando que realizou “concesións moi importantes” para chegar a un acordo “responsable” e afirmando que “segue á espera dunha resposta de GFG para determinar se está disposta ou non a seguir adiante coa adquisición da devandita planta”.
De non chegar a un preacordo de venda antes do 28 de setembro, a propietaria e os sindicatos retomarán o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado, que suporía máis de 900 despedimentos entre a factoría de alúminio e a industria auxiliar.