InicioEconomíaRenfe négase ante alcaldes da Mariña, Ferrolterra e Ortegal a restituír os...

Renfe négase ante alcaldes da Mariña, Ferrolterra e Ortegal a restituír os horarios do Ferrol-Ribadeo

Os rexedores buscarán unha fronte común con todos os municipios da liña ante a operadora, que se escuda nunha caída "do 75%" dos usuarios pola Covid-19 para xustificar os recortes no tren

Publicada o

- Advertisement -

O Centro Cultural Francisco Piñeiro de Moeche, na provincia da Coruña, acolleu na mañá deste mércores un encontro urxente entre representantes de cinco Concellos do norte de Galicia, entre eles o de Burela, e dirixentes de Renfe, e no que os gobernos locais esixiron de novo o restablecemento inmediato dos servizos ferroviarios no eixo Ferrol-Ribadeo, interrompidos na súa maioría trala declaración do primeiro estado de alarma sanitario.

Unha esixencia que se acompañou, ademais, do recordatorio de que se cumpran os acordos alcanzados en 2018 sobre o mantemento da maquinaria e das infraestruturas.

Por parte de Renfe, acudiron á cita o delegado insitucional para Galicia da empresa, Javier Pérez, o xerente de Servizo Público da zona de Asturias e Renfe Viajeros, Javier González, e o xerente do servizo en Galicia, Enrique Fonte. Asistiron os alcaldes ou alcaldesas de Burela, Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Ortigueira.

ABRE A PORTA A RECUPERAR FRECUENCIAS DE PROXIMIDADE EN ORTEGAL, PERO NON A MEDIA DISTANCIA

Desde a operadora do transporte achacan a redución de servizos a un descenso no número de viaxeiros provocado pola pandemia, asegurando que a súa intención é ilos reactivando na medida en que vaia aumentando a demanda. Unha resposta que nin os gobernos locais nin os usuarios dan por boa dado que, resaltan, coas frecuencias na mínima expresión é imposible que repunte o número de viaxeiros.

Renfe explica que a redución nas frecuencias obedece á actual situación sanitaria, que repercutiu nunha considerable baixada no número de viaxeiros. A operadora cuantifica ese descenso nun 75% con respecto a antes da pandemia. A empresa pública sinalou a este respecto que ten intención de ir restablecendo liñas tan pronto como se vaia detectando un incremento da demanda.

A MARIÑA SEGUE CUN SÓ TREN POR SENTIDO DIARIO

A empresa comprometeuse -aínda que sen dar datas- a reactivar a liña Ortigueira-Ferrol das 6.30 horas, a máis utilizada polo alumnado de institutos e traballadores, e tamén a de regreso a Ortigueira con saída desde Ferrol ás 20.00 horas. Ningunha, por agora, das tres de catro liñas que cubren A Mariña suprimidas desde a primavera.

Porén, a ecuación menos viaxeiros-menos servizos non convence aos Concellos, que lle dán a volta aos termos desa conta insistindo en que máis servizos e prestados con calidade significarían un incremento no número de persoas usuarias.

PROMOVERASE UNHA NOVA XUNTANZA CON CONCELLOS, USUARIOS E ADMINISTRACIÓNS

Os executivos locais presentes no encontro desta mañá anunciaron que promoverán “para xa” unha xuntanza -fixaranse a data e o lugar como moi tarde a semana que vén- á que asistan todos os representantes municipais das comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña, a Plataforma en Defensa do tren Ferrol-Ribadeo, Renfe e máis Adif “e tamén representantes políticos do Estado e da Xunta, xa que a supervivencia do noso tren depende dun impulso máis político que técnico”.

Neste sentido instarase á operadora e á encargada do mantemento da infraestrutura a que preparen un informe sobre todas as actuacións concretas que se desenvolveron e cales quedarían aínda por cumprir daquel acordo alcanzado hai dous anos para a mellora do servizo.

BASCOY (MOECHE): “SEN SERVIZOS NON HAI USUARIOS”

“Na xuntanza de hoxe transmitímoslles aos representantes de Renfe que os Concellos percibimos a situación xeral propiciada pola Covid-19 como unha escusa máis para deixar esmorecer o noso tren. Desde a operadora asegúrannos que esa non é a súa intención, pero os feitos falan por si mesmos: sen servizos, con máquinas que avarían a cada pouco, sen revisores… imos fartos de xuntanzas estériles e queremos solucións”, explica Beatriz Bascoy, alcaldesa de Moeche.

“Os Concellos estamos cansos de xuntanzas sen resultados concretos. Renfe e Adif adquiriron o compromiso de incrementar frecuencias e mellorar tanto as vías como a maquinaria. Ese compromiso non se chegou a cumprir de todo, logo veu a crise sanitaria e interrompéronse servizos que aínda hoxe están pendentes de recuperarse a pesar de ser fundamentais para a mobilidade desta zona. Entendemos que coa Covid-19 se modificasen frecuencias, pero iso non xustifica que se suspendan os traxectos máis necesarios”, engade Bascoy.

LLANO PÍDELLE A RENFE QUE ABANDOE A “VISIÓN MERCANTIL” DO TREN E “PENSE NO FUTURO”

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, agarda que antes de finais de ano se reúna a comisión técnica de seguimento creada no seu día. O rexedor burelao fixo fincapé na necesidade de mellorar o servizo a todos os niveis. “O que defendemos é contar cun tren con todas as garantías de futuro, que se atenda ben, que sexa empregado, publicitado e aproveitado para darlle saída a moitas cuestións da comarca, desta zona do Cantábrico, que axude a desenvolver tanto no social como no económico a zona da Mariña, de Ferrolterra e de Ortegal”, xulgou.

“Agora hai menos servizos, menos cadencia de trens e menos atención nas estacións. Argumentan que o coronavirus tivo a culpa e penso que aí teñen razón. Pero nós agora estamos pensando no futuro, en contar cun servizo de calidade nos próximos anos”, razoou Llano.

O alcalde de Burela sinalou que “os representantes de Renfe e de Adif fundamentaron todo no aspecto mercantil; que hai moi pouco usuario, que se gasta pouco. Pero eu penso que agora estamos saíndo como mellor podemos desta situación. Non podemos defender só desde ese punto de vista o uso ou non dun servizo público como o tren. Temos que pensar que é algo fundamental, algo que aínda que teña perdas debe existir. Non é crible que no metro de Madrid se hai unha estación que funcione mal o metro pase de largo”, concretou.

Llano engadiu que “eu fixen unha proposta para contar nunha reunión con todos os alcaldes, desde Ferrol ata Ribadeo. Imos tratar de xuntarnos para defender entre todos un servizo que é fundamental”, concluíu.

“O TREN MORRE A PRAZOS DESDE HAI ANOS”, DIN OS GOBERNOS LOCAIS

Pola súa banda, o alcalde de Cerdido, Benigno Galego, incidiu na “sensación de abandono” e no feito de que “se aproveitase  a pandemia para reducir servizos”.

Máis contundente foi Secundino García, alcalde de San Sadurniño, quen puxo o acento en que o tren “vén morrendo a prazos desde hai anos” e en que, ao seu xuízo, debera sopesarse o traspaso de competencias á Xunta de Galicia para poñer en marcha liñas de cercanías de titulariedade autonómica a imaxe e semellanza das que xa funcionan, por exemplo, no País Vasco, “que levan xente e saen ás horas”. Para García o transporte ferroviario de calidade é, ademais, un factor que contribuiría a fixar poboación: “o tren pode non ser rendible, pero a xente quere vivir aquí, un cativo de Moeche ou Cerdido ten dereito a ir no tren ao instituto”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...