InicioEconomíaAlcoa recorre o auto de medidas cautelares do TSXG que impide a...

Alcoa recorre o auto de medidas cautelares do TSXG que impide a parada das cubas

O presidente da empresa insiste en que a situación da planta de aluminio "é insostible" por mor das "perdas" e asegura que a folga indefinida "deteriora as perspectivas" de futuro para alúmina

Publicada o

- Advertisement -

O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, confirmou este mércores ao persoal a través dun correo electrónico que a multinacional interpuxo un recurso contra o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que estimou en parte as medidas cautelares solicitadas polos sindicatos, impedíndolle á compañía executar a pretendida parada das cubas dentro do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado para a planta de aluminio.

No seu comunicado, Dorado insiste en que a situación da fábrica de aluminio, onde Alcoa quere despedir 524 traballadores -unha medida que tería un efecto dominó con outros alomenos 400 despedimentos na industria auxiliar-, nunha decisión que foi impugnada polos sindicatos, é “insostible” debido “ás perdas continuas e significativas nas que ven incorrendo”.

A xuízo de Alcoa, “a resolución incumpre algunhas normas procesais e, ademais, a medida cautelar non cumpre cos requisitos legais“.

Deste xeito, prosegue, “é necesario tomar medidas e, en especial, é urxente deter a actividade da electrólise de forma ordenada, xa que é aí onde se xera a maior parte das perdas”. A empresa teima en que a parada ordenada das cubas “non é un proceso irreversible, conforme indica a propia resolución xudicial”, argumenta. A compañía non explica como se podería readmitir aos operarios, de declararse nulo o despedimento colectivo, cunha maquinaria parada, un dos motivos fundamentais esgrimidos polo Alto Tribunal galego para negar o apagado da mesma.

Alcoa precisa tamén que “o dano económico agrávase máis cada día como consecuencia da folga” indefinida iniciada polos traballadores a principios do pasado mes de outubro, o que está a “afectar gravemente á planta de alúmina aínda que non sexa obxecto deste proceso”, sostén Dorado. O paro “está tendo un impacto moi negativo nos nosos clientes e está deteriorando as perspectivas para ambas plantas“, di.

TENTA DESLIGAR A REFINERÍA DO CONFLITO COLECTIVO

Malia que Alcoa sostén que a planta de alúmina non está implicada no proceso do despedimento colectivo, os traballadores dubidan do futuro da mesma se finalmente se pecha a electrólise, cifrando os sindicatos incluso no 2025 a súa posible clausura. Tanto o potencial comprador de aluminio, a siderúrxica británica Liberty House, como a Sociedade de Participacións Industriais (SEPI) formularon ofertas, ambas rexeitadas, coa condición de ter un contrato de subministro de longo prazo ou un dereito de tenteo sobre a refinería.

IMPUGNACIÓN DO ERE

En relación á demanda interposta polos sindicatos contra o proceso de despedimento colectivo o venres 6 de novembro, Alcoa “defenderá a súa posición de que o ERE é necesario debido aos factores estructurais permanentes que impactan na planta de aluminio, que a fixeron pouco competitiva, e que actuou de boa fe e de conformidade coa normativa aplicable. A planta perdeu 151 millóns de euros entre xaneiro de 2018 e o 30 de setembro de 2020″, argumenta a multinacional.

NON ACLARA SE ESTARÁ NA MESA MULTILATERAL DO LUNS

Por outra banda, fontes da multinacional rexeitan aclarar polo momento se Alcoa estará na mesa multilateral telemática que se celebrará o vindeiro luns. A fin de abordar a situación da planta, despois de que os traballadores ofreceran levantar a folga se a empresa retira o ERE, nun conflito laboral que parece polo de agora abocado á vía xudicial, o Goberno central chamou a todas as partes implicadas: estarán os ministerios de Industria e Transición Ecolóxica, a Xunta de Galicia, o comité, os sindicatos a nivel estatal e a propia multinacional, se non declina participar.

OS OBREIROS CONTINUARÁN APOIANDO A HOSTALERÍA

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao reiterou este mércores o seu apoio á hostalería, que se concentrará de novo ante os consistorios da Mariña o vindeiro xoves. Os sindicatos instan os traballadores, tanto do complexo industrial como das auxiliares, a acudir ás protestas previstas para as 11.00 horas. Serán en Burela, Foz, Ribadeo, Viveiro e San Cibrao (Cervo).

Os obreiros lembran a “obriga moral” de apoiar o comercio e hostalería locais nun contexto de crise, “consumindo nos negocios que tanto nos apoiaron”.

O persoal está chamado a participar coa roupa de traballo para visibilizar a loita por manter o emprego e a produción na planta de aluminio.

REUNIÓN A NIVEL INTERNO PARA AS PROBLEMÁTICAS DA COVID-19 NO COMPLEXO

Por outra banda, o comité manterá unha reunión o vindeiro venres con HS e o servizo médico de Alcoa para “desbloquear” e “buscar unha saída” ás problemáticas “do número de salas ou comedores e a súa capacidade nos distintos departamentos, máscaras a utilizar e frecuencia do subministro por parte da empresa, así como a apertura do comedor“, así como as medidas de seguridade para a utilización do “ordenador de uso común”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...