O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu este venres un auto no que tomba a pretensión de Alcoa de presentar un recurso de casación que levase ao Supremo as medidas cautelares adoptadas en relación ao despedimento colectivo presentado pola multinacional en San Cibrao. Si admite a trámite o recurso de reposición presentado pola multinacional, polo que será a propia Sala quen dilucide sobre a impugnación do fallo.
Contra o auto do TSXG que nega o recurso de casación a Alcoa só poderá recorrerse en queixa ante a Sala do Social do Tribunal Supremo.
“Esta Sala resolveu a favor do criterio de conceder reposición por ser o máis favorable
ao dereito de defensa das partes; en ningún caso, salvo casos excepcionais, se concede recurso directo de casación, de maneira que, en atención ao exposto, entendemos que non procede ter por preparado o recurso de casación ordinaria fronte ao auto sobre medidas cautelares”, argumenta o Alto Tribunal galego.
O TSXG si admite a trámite o mencionado recurso de reposición presentado por Alcoa contra o auto da propia Sala do Social do pasado 4 de novembro, e ademais de notificarllo ás partes, dálles un prazo de cinco días para que presenten as correspondentes alegacións.
O TSXG estimou en parte a solicitude de medidas cautelares presentada polos sindicatos CC OO, CIG e UGT, os tres con representación no comité de empresa de Alcoa San Cibrao, impedíndolle á compañía parar as cubas de electrólise, unha das dúas principais medidas incluídas nun expediente de regulación de emprego (ERE) que, de aplicarse, suporía 524 despedimentos na factoría de aluminio e alomenos 400 na industria auxiliar. Por agora e segundo confirmaron as centrais sindicais, ningún obreiro recibiu carta de despedimento.
O XUÍZO POLO DESPEDIMENTO COLECTIVO, O 3-D
Os tres sindicatos mencionados impugnaron o despedimento colectivo, cuxo xuízo se celebrará o vindeiro 3 de decembro, xoves.