Traballadores de Alcoa San Cibrao concentráronse este venres ante a delegación do Ministerio de Facenda, en Foz, para reivindicar a importancia da fábrica de aluminio, sobre a que pesa un expediente de regulación de emprego (ERE) que suporía o despedimento de máis de 900 obreiros, entre a factoría e a industria auxiliar. Co acto instan á multinacional a retirar o despedimento colectivo e ao Goberno a intervir a empresa se non se avén a negociar unha venda das instalacións.
Segundo expuxo o sindicalista Alberto Pulpeiro, en representación comité de empresa, “queremos constatar a importancia da continuidade da fábrica produtora de aluminio, a única que queda en España, para a comarca da Mariña”.
NSTAN AO GOBERNO A INTERVIR SE ALCOA NON VENDE: “OS XULGADOS NON RESOLVERÁN ESTE PROBLEMA”
“O PIB da provincia vén supoñendo uns 7.000 millóns de euros; o da Mariña anda por 2.652 millóns. Alcoa San Cibrao é arredor do 33% do PIB de Lugo, 2.100 millóns de euros. É unha cifra moi importante tendo en conta o que é esta comarca e a perda de empresas que padeceu. Quedan poucas empresas onde poder traballar, polo que o peche da fábrica sería un desastre“, que se reflictiría “na perda do consumo que permiten os salarios tanto do complexo industrial como as auxiliares”, argumentan os sindicatos.
“Instamos o Goberno a que interveña a planta, pois non se pode resolver o problema por vía xudicial. Que nos dese a razón o xulgado non acabaría coa problemática, seguiriamos a tela igual. Necesitamos unha decisión política porque a solución é política”, concretou Pulpeiro.
PENDENTES DA PARTICIPACIÓN DE ALCOA NA MESA MULTILATERAL
Os representantes do persoal están chamados a participar o vindeiro luns na mesa multilateral polo futuro da planta, ao igual que os sindicatos a nivel estatal, os Ministerios de Industria e Transición Ecolóxica, a Xunta de Galicia e Alcoa. Sobre a cita, o comité asegurou que “esperamos pouco” dado o “inmobilismo” do Executivo central no relativo á intervención e tamén da empresa respecto a unha venda.
Algunhas fontes apuntaron á posibilidade da presenza de Alcoa, que non estivo nas últimas reunións ao insistir na súa folla de ruta e despois de rexeitar participar nalgunha das xuntanzas á que foi citada. A multinacional non confirmou por agora a súa participación no foro.
A VÍA XUDICIAL CONTINÚA EN MARCHA
Os sindicatos CC OO, CIG e UGT impugnaron o despedimento colectivo, cuxo xuízo se celebrará o 3 de decembro. Por outra banda, este mesmo venres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) admitiu a trámite o recurso de reposición de Alcoa contra o auto de medidas cautelares que impide a parada das cubas ata que haxa unha sentenza firme sobre o ERE. O Alto Tribunal galego negou a pretensión da multinacional de presentar recurso de casación ante o Supremo.