O mariñeiro do Siempre Antares, buque con base en Celeiro, que foi evacuado en helicóptero o pasado mércores tras sufrir unha insuficiencia respiratoria faleceu este venres no Centro Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), segundo confirmaron fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas). O falecido era natural de Avilés e tiña 56 anos.
A persoa falecida foi evacuada de emerxencia en alta mar, cando o barco volvía de faenar no caladoiro de Gran Sol. Presentaba síntomas compatibles coa Covid-19, razón pola que os outros 14 tripulantes quedaron confinados no buque, atracado no porto de Celeiro. Segundo confirmaron as mesmas fontes, outros tres mariñeiros foron ingresados nas últimas horas: dous no Hospital Público da Mariña e un terceiro que está a ser trasladado HULA de Lugo. Os restantes once permanecen no buque, illados.
O pasado xoves sometéronse ás probas PCR, cuxos resultados non trascenderon por agora, segundo concretaron fontes de Porto de Celeiro, que precisaron que as persoas confinadas esperan coñecer o protocolo definitivo que deberán cumprir nos vindeiros días.