Os alcaldes e alcaldesas de Burela, Chantada, Monforte, Lugo e Viveiro, os cinco concellos da provincia nos que se están a aplicar as restricións adoptadas pola Xunta de Galicia o pasado 6 de novembro, foron citados polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para unha videoconferencia o vindeiro xoves, 19 de novembro, ás 10.30 horas, a fin de abordar a situación epidemiolóxica. Trátase da primeira xuntanza, no caso dos municipios da Mariña, co responsable autonómico desta área desde que se deu por solventado o brote do pasado mes de xullo.
Despois da reunión do comité clínico deste martes non se variou a folla de ruta, polo que se manterán o peche da hostalería e o confinamento perimetral destes municipios alomenos ata venres, día do seguinte encontro. O concello de Burela sitúase en alerta laranxa, con entre 14 e 21 casos novos nos últimos sete días, mentres que Viveiro está en nivel 1 -con entre 7 e 14 contaxios no prazo dunha semana-. O municipio viveirense ten 42 casos, sen que se localizasen positivos novos nas últimas horas.
Monforte e Chantada están, ao igual que Burela, en aviso laranxa, mentres que Lugo permanece en alerta vermella.
FEIJÓO INSISTE EN QUE O OBXECTIVO É A APERTURA “A COMEZOS DE DECEMBRO”
Segundo recolle Efe, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu este martes que se mantén “vixente o obxectivo” de reabrir a hostalería en Galicia a comezos de decembro, unha decisión que se baseará “nunha decisión estrictamente clínica e non política sobre a pandemia da covid-19“.
Feijóo indicou que unha vez se cumpran catro semanas desde a aplicación das novas restricións ao 60% da poboación de Galicia, a comezos de decembro, poderanse avaliar “os impactos” destas medidas e ver “que decisións podemos tomar” respecto da evolución da pandemia.
“QUEDAN DÚAS SEMANAS PARA TOMAR DECISIÓNS; É AXIÑA PARA AVALIAR A SITUACIÓN”
“Xa me gustaría poder anunciar cousas positivas na primeira semana de decembro. Descoñezo os anuncios que poderemos facer e aínda nos quedan dúas semanas antes de poder tomar decisións, que serán clínicas, non políticas”, aseverou.
Preguntado por que entende por “salvar o Nadal” e polas discrepancias verbalizadas por varios epidemiólogos, Feijóo esgrimiu que “se non pediamos o esforzo en novembro á hostelería non iamos poder garantirlle a ese sector o mes de decembro”.
Do mesmo xeito, dixo que o que se buscaba coas medidas en vigor era diminuír a presión hospitalaria en novembro “para ter maior dispoñibilidade en decembro, e non ao contrario”.
Para Feijóo aínda “é axiña para facer unha avaliación concreta” do efecto das restriccións en vigor e “probablemente a semana que vén será moi importante” para avanzar no prognóstico da situación sanitaria en Galicia, dixo.
MANIFESTACIÓN DOS HOSTALEIROS
Os hostaleiros -entre eles varios da Mariña Lucense– manifestáronse este martes en Santiago de Compostela, reclamando un plan de rescate ante o peche do sector, que se prolonga durante once días e que se podería estirar ata o vindeiro mes de decembro.