InicioEconomíaO comité ofrece adiar sete semanas a folga se Alcoa inclúe á...

O comité ofrece adiar sete semanas a folga se Alcoa inclúe á SEPI na negociación e garante as instalacións

Remata sen acordo a primeira reunión entre multinacional e sindicatos trala oferta da empresa de "explorar" unha venda de Aluminio se os traballadores levantan o paro

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao propuxo á multinacional, nunha reunión telemática celebrada na tarde deste xoves, suspender a folga indefinida que mantén desde o pasado mes de outubro durante un período de sete semanas a fin de “buscar unha saída” á situación da planta, reclamando tamén que se inclúa nas negociacións á terceira parte, a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), con quen a compañía se amosou “disposta a explorar” unha venda da planta de aluminio.

Así o anunciaron os representantes dos traballadores nun comunicado audiovisual, no que aclaran que, ante a falta de acordos concretos na xuntanza, a asemblea convocada para o vindeiro venres queda suspendida, xa que “temos aínda que negociar para poder ter algo” que comunicar ao persoal.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, explicou que Alcoa transixiu na posibilidade de “facer un seguimento das negociacións” para unha venda e así “poder fiscalizar o proceso”.

ALCOA EXCLÚE DUNHA POSIBLE VENDA A REFINERÍA DE ALÚMINA

Tamén no tocante á incorporación dos eventuais e ETTs suscrita “no acordo de 2019”, dado que “acepta incorporar” aos arredor de 40 temporeiros aos que se lles garantía o contrato de relevo a cambio de aceptar prexubilacións na fábrica e a recolocación de obreiros das antigas plantas da multinacional en Avilés e A Coruña.

Con todo, os sindicatos expoñen que Alcoa “só se senta a negociar por aluminio“, excluíndo a posibilidade dunha venda conxunta da planta e da refinería de alúmina, “e sempre a cambio de que desbloqueemos a folga”.

Posto que “estanse marcando unha serie de prazos” para a venda que diverxen, afirmando Alcoa que “son necesarios nove meses“, os traballadores propuxeron “unha paz social temporal” durante sete semanas, “suspendendo a folga durante ese tempo coa vista nunha saída a esta problemática”. Ademais, as centrais reclaman a Alcoa “contratar o persoal necesario, tomando como referencia xaneiro de 2020; non ten sentido chegar a un acordo e que as instalacións caian pola falta de persoal, para que quen a compre poida traballar con elas. Por iso pedimos reactivar desde este momento o brascaxe, o rearranque das cubas“, expuxo o comité.

OS OBREIROS RECLAMAN A REBRASCAXE DAS CUBAS E A CONTRATACIÓN DO “PERSOAL NECESARIO”

Neste sentido, lembrou que a maquinaria da electrólise ten problemas “desde agosto” e “alcanzou un nivel amarelo de perigo, segundo a propia Alcoa, por falta de obreiros, xa que se deixou de varrer”.

Así, a “última oferta” do persoal pasa por incluír á SEPI nas negociacións, suspender a folga temporalmente e incorporar persoal para garantir “que as instalacións están ben” de cara a un traspaso das mesmas. “Queremos un acordo que dea normalidade na fábrica, pero ten que vir nun proceso de venda”, concluíu o comité.

A MULTINACIONAL ABRIRA A VÍA DUNHA VENDA TRAS DOUS TROPEZOS XUDICIAIS

Alcoa presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que suporía o peche da electrólise, na planta de aluminio, e a perda de máis de 900 empregos entre a factoría e a industria auxiliar. O despedimento foi tombado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que o declarou nulo, e a multinacional presentou recurso de casación ante o Supremo.

Neste contexto, e tras varias peticións por parte dos traballadores, que manteñen o paro, e das Administracións, Goberno central e Xunta de Galicia, Alcoa anunciou que está disposta a “explorar” a venda, unicamente coa SEPI e a cambio de que se levante a folga. Tamén que só se abordará unha transacción da planta de aluminio, dado que sostén que non está interesada en vender alúmina -que pertence nun 40% ao grupo australiano Westminster Acquisition-.

A venda da planta fora abordada no pasado mes de setembro, rexeitando Alcoa ofertas tanto da siderúrxica británica Liberty House como da propia SEPI, o que tanto os sindicatos como as Administracións interpretaron como “mala fe” negociadora, unha valoración que compartiu o TSXG na súa sentenza.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...