Tras uns días sen novidades na fábrica de cerámica de Sargadelos, co conselleiro delegado, Segismundo García, de descanso fóra de España, achégase unha semana chave para a resolución do conflito laboral na empresa, iniciado cando o dirixente do grupo empresarial anunciou 49 despedimentos -dos que executou 21– para acadar a renuncia da delegada sindical da Unión Xeral de Traballadores (UXT), Rogelia Mariña.
Tras presentar o sindicato e maila súa representante senllas denuncias contra a empresa e o propio García, que alegaron, o Xulgado nº 2 do Social de Lugo decidirá se intervén de forma cautelar, como pide a UXT. Se o xuíz non considera oportuno adoptar medidas inmediatas, ou se o colapso da xustiza o impide, o xuízo celebrarase o 21 de outubro.
a uxt agarda que o xuíz interveña con rapidez e o empresario confía en que a asemblea de operarios cese a mariña
O vindeiro martes, ás 15.00 horas, celebrarase unha asemblea de traballadoras forzada por un grupo de operarias que di non sentirse representado pola sindicalista da UXT. O mermado cadro de persoal de Sargadelos está chamado a apoiar ou frear co seu voto a destitución de Mariña. Para que o resultado teña validez precisarase a maioría dos sufraxios escrutados.
Ese mesmo día, os servizos xurídicos da empresa -tamén os de Comisións Obreiras (CC OO), Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEL)- están citados para un acto de conciliación que non solucionará o conflito, xa que este tipo de encontros serven para evitar a vía xudicial, xa iniciada.
O que semella imposible, alomenos por agora, é unha saída pactada ao conflito. García, que impediu a Mariña reincorporarse ao seu posto de traballo, fía a súa estratexia a saír vencedor da asamblea do persoal e UXT pon as súas esperanzas no xuíz, fracasadas as negociacións entre a empresa e o sindicato.
durante as súas vacacións, garcía respondeu ao secretario xeral da uxt, sindicato ao que acusou de “querer apaños”
CRUCE DE ACUSACIÓNS
Mesmo durante súas vacacións, García contestou a un artigo publicado por Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT, que calificou a situación de Sargadelos como “un dos ataques á liberdade sindical máis descarado dos últimos anos“. O conselleiro delegado do grupo empresarial enviou un comunicado á prensa no que lle ofreceu ao sindicalista “a empresa barata” e aludiu incluso ás negociacións para asegurar que “o seu sindicato quería indemnizacións e apaños e quen me neguei fun eu“.
PLENO DO PARLAMENTO
En Marea anunciou que instará á Xunta de Galicia no Parlamento galego a actuar contra a “vulneración de dereitos” na fábrica cervense de Sargadelos. Así, a formación política explicou nun comunicado que preguntará ao Executivo autonómico “que ten que dicir” sobre a situación da factoría.
A deputada por Lugo, Paula Vázquez Verao, acusa ao conselleiro delegado de “xogar co legado dunha marca emblemática e co emprego na fábrica” e afirma que o conflito débese “á súa intención de baixar os salarios e de botar un pulso aos sindicatos”.
en marea acusa ao conselleiro de legado “de xogar co emprego e co legado da marca só para baixar salarios”
Por iso, En Marea levará estas cuestións ao pleno e urxirá á Xunta a que “diga algo ante a situación de vulneración dos dereitos laborais” por parte da empresa. “Queremos saber que fará o Goberno galego para preservar o legado cultural de Sargadelos”, concluíu Vázquez Verao.