O presidente do comité de empresa de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, asegurou este venres que “se non se pon coto á política de terra queimada” da multinacional, a firma “marchará para o ano” de San Cibrao.
Neste senso, o presidente do comité da Coruña explicou que “Alcoa xa conta con megafactorías noutros países onde lles regalan a enerxía“.
Tras unha xuntanza co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, o sindicalista defende que a planta coruñesa “é competitiva e eficiente” a pesar da falta de investimentos da empresa na súa modernización.
Corbacho vincula o anuncio de peche co prezo da tarifa eléctrica e lembra que “cando A Coruña e Avilés eran unha sociedade única, ate 2014, alcanzaron uns dividendos netos de 1.400 millóns de euros sen que se investise aquí”.
O sindicalista instou ao Goberno central para que centre os seus esforzos en abaratar a enerxía aos grandes consumidores. “Hai solución se hai vontade política”, indica.
O representante dos traballadores conclúe que “non asumimos a situación” e que o primeiro é “levantar” o ERE de extinción.
INDUSTRIA REUNIRASE COA EMPRESA
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, avanzou que nos “próximos días” a ministra de Industria, Reyes Maroto, reunirase cos presidentes autonómicos de Galicia e Asturias.
A titular de Industria tamén se verá con representantes da multinacional a vindeira semana. “Pedímoslle á empresa que nos traia documentados os motivos para coñecer as causas e definir distintos escenarios nos que traballar”, espuxo Maroto nunha rolda de prensa.
“UNIDADE”
Losada apelou á necesidade de que as administracións “traballen unidas” para reverter o despedimento colectivo anunciado pola firma en dúas das súas tres plantas españolas.
O representante de Moncloa desmarcouse da problemática enerxética e achacou “á falta de investimento” os problemas das fábricas da Coruña e Avilés.
Preguntado por ata onde está disposto a chegar o Executivo central, o delegado do Goberno asegurou que “ata onde sexa posible desde o respecto á legalidade“.