Obreiros da planta de San Cibrao de Alcoa e das empresas auxiliares manifestáronse este venres contra o peche das fábricas de Avilés e A Coruña, anunciado pola multinacional do aluminio o pasado 17 de outubro.
Tras realizar unha marcha ata Burela, onde entregaron aos partidos políticos un comunicado cun paquete de medidas para evitar o ERE de extinción plantexado pola empresa estadounidense, os traballadores realizaron unha segunda marcha reivindicativa.
Desde primeira hora do día, aínda sen luz solar, os obreiros marcharon desde o cruce de suministros ata a entrada da fábrica cervense.
“Manifestámonos para que Alcoa retire o ERE extintivo e se dialogue para atopar unha solución que pasar por crear unha tarifa enerxética estable para estar ao mesmo nivel que outros países europeos“, explicou o presidente do comité de empresa, Xosé Paleo.
Máis alá dos rumores sobre unha posible venta, logo de que o Goberno suxerise que existen compradores potenciais e de que a multinacional se mostrase aberta a ofertas, os obreiros insisten en que se traballa a contrarreloxo.
“O día 30 remata o período de consultas e o ERE segue aí. Non vemos trazas de solución, polo que pedimos a Alcoa e ás administracións que se poñan as pilas e impidan que arredor de 1.300 persoas se vaian á rúa“, indicou Paleo.
DEMANDA DO COMITÉ EUROPEO
Entre as frontes abertas entre sindicatos e empresa está a demanda interposta polo comité de empresa europeo ante a Xustiza holandesa.
A vista celebrarase en Rotterdam o vindeiro luns e, dada a cercanía do remate do período de consultas do ERE, o o avogado dos sindicatos solicitou unha resolución do pleito antes de doce horas desde a celebración do xuízo.
O presidente do comité europeo, José Luis Combarro, argumenta que Alcoa “incumpriu o regulamento de funcionamento, pois empezou este conflito cunha carta dirixida aos comités locais dicíndolles que ían pechar as fábricas, sen esgotar un período de consultas”.
Combarro explica que “se nos dan a razón, comezaríamos un verdadeiro período de información e consultas. Temos contratada unha compañía externa que presentará un informe para dicir que non estamos de acordo co ERE, que hai outro tipo de solucións”.
ALEGACIÓNS ANTE TRABALLO
Os sindicatos tamén presentaron alegacións por escrito ao ERE extintivo ante o Ministerio de Traballo, que criticou “a falta de vontade negociadora” de Alcoa. “O Goberno central díxolle moi claro á compañía que hai que falar doutras cuestións e non da contía das indemnizacións”, asegurou Combarro.
INTERRUMPIBILIDADE
Por outra banda, a poxa de interrumpibilidade para os seis primeiros meses de 2019 celebrarase entre o 10 e o 14 de decembro, cunha subasta de 2.600 megavatios (MW) de potencia.
Alcoa anunciou a súa intención de presentarse polas plantas de Avilés, A Coruña e San Cibrao.
MÁIS MOBILIZACIÓNS
Os traballadores anuncian máis mobilizacións se pasan os días sen sinais de acordo, aínda que non hai unha data concreta para a manifestación prevista en Viveiro, anunciada polo comité de empresa semanas atrás.
Os obreiros non queren opacar outros actos de protesta emprendidos en Avilés e A Coruña, e de feito traballan cos comités da na convocatoria dun acto conxunto, que presumiblemente será en Santiago de Compostela, aínda que por agora sen data.
O vindeiro sábado, os traballadores da planta coruñesa concentraranse na Praza de María Pita, desde as 12.00 horas. Os obreiros achegarán víveres ao banco de alimentos Rías Altas.