O Ministerio de Fomento anunciou que dotará de iluminación á Ponte dos Santos. O executivo central atenderá así unha solicitude do goberno local de Ribadeo e solventará unha deficiencia que Galicia e Asturias arrastraban desde hai seis anos.
UNE GALICIA E ASTURIAS
Inaugurada no 1987, a infraestrutura -que afecta tamén ao municipio de Castropol– presenta problemas para o paso dos peóns e ciclistas desde o 2008, ano no que pasou a soportar a autovía A-8.
Á insuficiencia das beiravías, duns 80 centímetros de ancho, sumouse a finais de 2011 a ausencia de iluminación, cando o goberno castropolense deixou de pagar un gasto que, entendía, corresponde ao Estado como titular da infraestrutura.
o viaduto quedou sen luz no 2011, ao negarse o goberno de castropol a asumir un gasto que correspondía ao estado
PASO DO CAMIÑO NORTE
Os plenos das corporacións de Ribadeo e Castropol acordaron solicitar ao Goberno central que dotase á ponte deste servizo. O goberno ribadense insistiu nesta cuestión ao entender que se trataba dunha obra “de baixo custe” e que “ofrecería seguridade a peóns, ciclistas e peregrinos“, xa que é un lugar de paso do Camiño norte cara Santiago de Compostela.
Co cambio de Executivo en Madrid, o alcalde ribadense, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, tentouno de novo e desta volta a súa petición foi atendida. O rexedor valora que “aínda que non sexamos da mesma cor política”, Ministerio e goberno local “podemos falar e acordar cousas boas para a cidadanía, que é para o que nos votan”.
o pasado 3 de xullo, o alcalde ribadense solicitou ao goberno socialista que solventase esta deficiencia
CRÍTICAS AO ANTERIOR GOBERNO
O rexedor resaltou que este acordo “demostra cando hai intención de facer as cousas ben” e criticou a postura do anterior Executivo, liderado por Mariano Rajoy. “O Goberno do Estado que nos negaba esta obra ou nos contestaba dicindo que non era o seu problema, do PP, actuaba con inquina e mala fe“, concluíu.
O PP: “ESTABA NOS ORZAMENTOS”
Os deputados do PP no Congreso Jaime de Olano e Daniel Vega aseguraron que “esta mellora estaba recollida nos orzamentos do Goberno do Estado elaborados polo Partido Popular e aprobados co voto en contra do PSOE“.