Opresidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, acusou ao Partido Popular (PP) e ao deputado non adscrito e presidente da sociedade provincial do chan (Suplusa), Manuel Martínez, de demorar a apertura das residencias para a terceira idade que proxecta o goberno provincial e que suman 14, entre elas as de Ribadeo, Trabada, Pol, A Fonsagrada e Guitiriz.
O dirixente do ente provincial asegurou non “entender” como o “PP (único partido que acude ao consello de administración da sociedade) é cómplice de posibilitar ao deputado non adscrito e presidente de Suplusa que presente recurso contencioso contra os concursos de contratación dos xeriátricos no caso de que o recurso de reposición non saia adiante”.
Nesta liña, acusou aos populares e a Manuel Martínez de “tentar paralizar o proceso de selección de persoal” ao ver que se está “próximo a abrir as residencias. Tentan enlamar o terreo de xogo“, indicou.
TRAMITACIÓN
A residencia de Trabada contra con toda a tramitación concluída, mentres que Ribadeo está á espera do Permiso de Inicio de Actividade (PIA), que debe conceder a Xunta de Galicia e é imprescindible para a apertura do xeriátrico.
Ante o retraso -recoñecido polo propio Goberno galego- “pouco habitual” neste trámite, o alcalde ribadense, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, esixiu á Xunta “que non poña paus nas rodas” para abrir o servizo.
PLAN ÚNICO
O presidente da Deputación felicitouse pola aprobación no pleno provincial do Plan Único, que achegará preto de cinco millóns de euros aos 16 concellos da Mariña Lucense. Neste enlace podes comprobar que contía corresponde a cada municipio.
o pleno provincial aprobou o plan único, que achegará case cinco millóns aos 16 municipios da comarca
O programa ofrecerá un total de 73 millóns para os 67 municipios lucenses. Campos subliñou que as edicións anteriores do plan permitiron “executar unhas 900 obras, ofrecer 600.000 horas de atención profesional a maiores ou contribuír á celebración duns 4.000 eventos turísticos, deportivos ou culturais na provincia”.
ACTOS DE INAUGURACIÓN
O PP de Lugo introduciu un cambio nas bases do Plan Único tras advertir “que non se estaba a convidar” aos seus rexedores aos actos de inauguración das obras financiadas polo programa da Deputación, coa única intención, a xuízo dos populares, “de que non saíran na foto“.