Ramón Acuña encabezará a listaxe independente ribanse, chamada Agrupación Electores por Ribadeo. Os promotores presentaron a candidatura este luns no Hotel AG Porcillán.
Acuña, deseñador industrial e xubilado de Alcoa, foi concelleiro e deputado provincial co PSOE e delegado da Deputación no Patrimonio Histórico Artístico de Galicia. Apartouse da política no 1991, logo dun mal resultado dos socialistas.
É presidente do Real Club Náutico de Ribadeo desde 2012 e patrón do Laion, veleiro adaptado de Cogami para as persoas con discapacidade.
Contará con Antonio De Vicente Fernández como segundo da listaxe. É abogado, formou parte do primeiro goberno democrático de Aragón e do equipo negociador para a entrada de España na Comunidade Europea.
A listaxe continuará con Mari Carmen Villagarcía Río, Perfecto Rodríguez González, Lourdes Prada Herrera e Naroa Penedo Rodríguez.
O candidato de Agrupación Electores por Ribadeo asegurou que o municipio “perdeu o tren desde o ano 78” e xa non é “locomotora desta comarca, cando outros pobos daquela menos importantes subíronse ao vagón e si o son”.
aspira a “recoller ideas” dos veciños, “mellorar o diálogo” entre institucións e afirma que non estará “máis de oito anos”
Acuña afirmou que “as cuestións prioritarias do pobo hainas que recoller dos nosos veciños para plasmalas no consistorio e facer as cousas de forma diferente”.
O candidato manifestou a súa intención de cambiar “capítulos como o de persoal ou o económico. Hai partidas do orzamento que son elevadas e que poden servir para outras moitas cousas”, espuxo Acuña, que falou da “importancia de manter un diálogo entre as institucións, sen haber un permanente desprestixio”.
Acuña asegurou que, de ser elixido, non estará máis de oito anos no poder. “Catro son abondos para encauzar todo e outros catro para resolver o máis importante”, afirmou.
PERFIL “XESTOR E NON POLÍTICO”
Acuña fixo fincapé en que Agrupación Electores por Ribadeo contará “coas mans libres” ao non ter ningunha tutela política e fixo fincapé no perfil “xestor” do partido.
O número 2 da candidatura, pola súa banda, asegurou que a listaxe contará “con persoas de diferentes ideoloxías, que teñen unha mesma aspiración de servizo”.
TRES CABEZAS DE LISTA PRESENTADOS
Trala presentación, os ribadenses coñecen a tres candidatos: Daniel Vega, polo PP; Marta Rey, polo PSOE, e Acuña, polo partido independente.
Queda por ver que pasará con En Marea e Ciudadanos, que aspiran a presentar candidaturas, e coa do BNG, que leva na alcaldía desde 2007 con Fernando Suárez Barcia á fronte. O rexedor non desvelou aínda o seu futuro político.