O alcalde de Foz, o popular Javier Jorge Castiñeira, presentarase á reelección nas vindeiras eleccións municipais. Así o anunciou este xoves, nun acto no hotel Leytón no que participaron a presidenta provincial do PP, Elena Candia, e o portavoz adxunto do grupo conservador no Senado, Xosé Manuel Barreiro.
Castiñeira, que goberna en minoría desde 2011, resaltou que se presenta “cunha maior experiencia” e que o goberno focego acadou “cousas impensables hai oito anos, como aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal”.
Ademais, subliñou que “tamén conseguimos que funcione a residencia de maiores, que é cousa de quince días”.
O candidato dos populares subliñou que “chegamos a pactos e acordos con practicamente todos os partidos da corporación municipal”. Con todo, argumentou que “unha maioría absoluta sería xusta co traballo feito nestes anos”.
“DIÁLOGO”
Pola súa banda, Candia, destacou de Castiñeira “a súa capacidade de diálogo de chegar a acordos e de resolver problemas”, ademais da “súa habilidade para atraer investimentos, cos que logrou mellorar a imaxe da vila de Foz”.
TRES CANDIDATOS DESVELADOS
Por agora, ademais do PP, o PSdeG presentou candidato en Foz, Fran Cajoto, que o pasado mércores avanzou un dos proxectos do seu programa electoral, o dunha avenida para dotar á vila dun terceiro acceso desde a N-642.
Tamén o fixo Compromiso por Galicia (CxG), que presentou a Damián Sánchez como cabeza de listaxe.