Partido Popular, PSOE e grupo mixto proporán ao pleno ribadense a aprobación da posta en marcha de medidas solidarias durante o Ribadeo Indiano para axudar a paliar os danos ocasionados polo temporal que asolou Cuba no Hospital materno Hijas de Galicia da Habana.
A oposición ribadense presentou así unha moción para debater no pleno, a fin de contribuír a aliviar os efectos dun tornado que deixou seis mortos, 172 feridos e 372 vivendas derrubadas dun total de 3.780 afectadas.
HOSPITAL PECHADO
No hospital referido producíronse cuantiosos danos materiais e foi preciso evacuar ao persoal e aos pacientes. O temporal derrubou teitos e paredes e rachou portas e ventás. Estivo durante semanas sen auga e electricidade e segue pechado, aínda que as autoridades cubanas calculan que reabrirá en poucos días.
VÍNCULO COA MARIÑA LUCENSE
Populares, socialistas e independentes lembran que a sociedade Hijas de Galicia naceu no 1917 para apoiar ás mulleres galegas en situación de desamparo.
Nos períodos 1942-44 e 1946-49, presidiu a entidade Antonio Bouso, natural de Riotorto. Así mesmo, José e Andrés Bargueiras, tamén riotortenses, formaron parte da directiva da agrupación, que entre outras obras levantou o hospital afectado, hoxe coñecido como Hospital Materno Infantil Diez de Octubre.
Dado que o Ribadeo Indiano 2019 estará dedicado a Cuba, os voceiros da oposición –Jesús López Penabad, dos populares, Aurora González, dos socialistas, e Marta Saiz, do grupo mixto tras abandonar Ciudadanos– consideran que se trata dunha oportunidade para solidarizarse cos afectados e manter o vínculo entre A Mariña Lucense e o país caribeño.
ACTIVIDADES SOLIDARIAS
Así, PP, PSOE e grupo mixto propoñen que se inclúan proxectos e actividades –concertos, mercados solidarios, poxas de arte, apertura dunha conta bancaria para recadar donativos– a fin de obter fondos cos que proporcionar unha axuda económica para os arranxos que sexan precisos no centro hospitalario da Habana.
A moción tamén propón instar ao alcalde a dirixirse ás autoridades cubanas para informarse sobre a mellor forma de canalizar as axudas, de forma que cumpran coa legalidade vixente, e a que faga un chamamento á sociedade galega para sumarse á iniciativa solidaria.