EFE. O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, e os demais edís do seu goberno que se deron de baixa no Partido Popular (PP) a raíz da apertura de xuízo oral contra eles por un suposto caso de prevaricación urbanística formalizarán este martes a súa reincorporación ao partido, logo de que a sentenza do Xulgado do Penal número 2 de Lugo os absolvese dos cargos.
O rexedor recoñeceu sentirse “satisfeito” pola súa volta ao PP, logo de que o proceso xudicial no que se viron inmersos durante máis dunha década rematase, en principio, de xeito favorable para eles.
“Esperabamos que rematase este proceso e acabou como agardabamos, con eses dous arquivos por parte do Xulgado de Mondoñedo e a sentenza absolutoria por parte do Xulgado do Penal número 2 de Lugo”, expuxo Fuente Parga.
O alcalde de Barreiros asegurou que “agora toca continuar. Temos aí unhas eleccións locais e os afiliados e simpatizantes pídenme que volva encabezar a listaxe electoral do PP en Barreiros. Así o faremos“, confirmou Fuente Parga.
ADEGA E FISCALÍA RECORRERON
Tanto a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) -que exerceu a acusación particular- como a Fiscalía recorreron a sentenza que absolve a Fuente Parga, cinco edís do goberno de 2006 e á arquitecta municipal de cometer o delito de prevaricación urbanística na concesión de 41 licenzas, ese mesmo ano, para a construción de arredor de 3.000 vivendas no municipio barreirense.