EFE. A Fiscalía de Lugo confirmou que interpuxo recurso de apelación ante a Audiencia Provincial contra a sentenza do xulgado do penal número 2 que asbolveu do delito de prevaricación urbanística ao alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, a cinco edís do goberno local de 2006 e á arquitecta municipal.
No recurso sobre a concesión de 44 licenzas para a construción dunhas 3.000 vivendas nese municipio, a Fiscalía considera que “non se valoraron axeitadamente as probas practicadas, especialmente os informes favorables dos proxectos asinados pola arquitecta municipal, tamén procesada, que constitúen a base fundamental da acusación”.
Ademais, entende que na sentenza hai “omisión” da avaliación doutros informes dun inxeñeiro e de técnicos da Xunta de Galicia que acreditan a “insuficiencia de servizos” para a urbanización no momento da concesión das licenzas. Deste xeito, a Fiscalía solicita a nulidade do fallo.
ADEGA
O recurso de apelación interposto pola Fiscalía sumarase ao recurso presentado pola Asociación na Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), que exerceu a acusación particular.
A agrupación ecoloxista considera tamén que o xuíz “non apreciou correctamente a proba de que as licenzas presuntamente ilegais foron concedidas para un solo que non reunía a cualificación urbanística precisa”.