Francisco Pintado Otero, actual xefe do servizo de Anestesioloxía, Reanimación e Tratamento da dor do Hospital Público da Mariña, ocupará o posto número 2 da candidatura de Ciudadanos ao Congreso dos Deputados por Lugo.
O médico madrileño, de 61 anos, exerce no complexo hospitalario de Burela desde 1987. Coa incorporación de Pintado, Ciudadanos aposta por “sumar” a “persoas de recoñecido prestixio profesional procedentes da sociedade civil e cunha vida á marxe da política”.
PRIMEIRO DA LISTAXE
José Manuel Blanco López, enxeñeiro de montes do Estado e actual xefe provincial da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en Lugo, encabezará a candidatura de Ciudadanos á Cámara Baixa.
A Blanco e Pintado seguiranos Paula María Varela Núñez e Marco Candal Quiroga.
EN MAREA
Pola súa banda, En Marea presentou este luns nunha rolda de prensa sobre Alcoa ao xovense Javier Arca como número 2 da súa listaxe ao Congreso. Arca é traballador do complexo industrial da multinacional do aluminio en Cervo.