InicioPolíticaSuso Fernández será o número 2 da candidatura do PSOE en Viveiro

Suso Fernández será o número 2 da candidatura do PSOE en Viveiro

Lara Fernández-Noriega sube ao terceiro posto e Cal cae ao cuarto; César Iglesias Docal e Victoria Baamonde Gómez serán as primeiras caras novas, nas prazas sexta e sétima da listaxe

Publicada o

- Advertisement -

O PSdeG-PSOE de Viveiro presentou aos seus afiliados e simpatizantes a candidatura coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais, unha listaxe que liderará a alcaldesa, María Loureiro, e na que as principais novidades son a suba de Suso Fernández ao posto 2 e de Lara Fernández-Noriega á posición número 3, mentres que Jesús Fernández Cal, segundo da listaxe en 2015, irá en cuarto lugar.

Nos pasados comicios, o terceiro posto fora para Isabel Rodríguez, actual subdelegada do Goberno central en Lugo.

Tanto Suso Fernández como Lara Fernández-Noriega foron concelleiros na lexislatura que vén de rematar. O primeiro deles, que engrosou a listaxe socialista en 2015 despois da desaparición do partido Independentes de Viveiro (IVI), foi segundo tenente de alcalde e asumiu as áreas de economía e facenda, mar e participación cidadá. Pola súa banda, a segunda ocupouse dos departamentos de muller e xuventude.

A quinta posición será para outra edil do goberno local de 2015-2019, Marisol Rey, que se encargou de turismo e comercio.

CONTINUIDADE

Loureiro destaca que a continuidade nos primeiros postos demostra “a boa sintonía que tivo o goberno local de Viveiro” e subliña que está “moi orgullosa do traballo de todos, polo que queremos seguir na mesma liña”.

Respecto ao número 2 da candidatura, remarca que é unha persona “moi colaboradora e traballadora, que veu doutro partido e que sumou desde o principio e demostrou ser perfectamente compatible co proxecto do PSdeG-PSOE”.

No tocante á número 3, subliña que “Viveiro tivo ao longo desta lexislatura unha oferta cultural variada e cunha aposta forte polas actividades gratuítas“. De Cal, tenente de alcalde e concelleiro de obras, destacou a súa “sabedoría, implicación e cercanía á veciñanza. Foi un edil adicado as 24 horas do día”, subliñou.

Respecto a Rey, cre que “fixo un gran traballo para atraer turismo ao municipio, que se seguirá vendo ao longo dos anos“.

CARAS NOVAS NO 6 E NO 7

Ata o quinto posto, a listaxe dos socialistas mostra unha querencia pola continuidade. As primeiras grandes novidades están na sexta praza, con César Iglesias Docal, e con Victoria Baamonde Gómez.

No primeiro dos casos, “é unha persoa que coñezo desde hai moito tempo e que estou segura de que nos vai achegar criterio e ganas de traballar”, explicou Loureiro. Respecto á número 7 da listaxe, a candidata do PSdeG-PSOE expón que “é unha psicóloga de 26 anos, que leva xa meses a traballar con nós e que pola súa formación e pola súa xuventude vainos dar un punto de vista diferente. Hai que escoitar aos novos”, conclúe a alcaldable dos socialistas.

Os postos 8 e 9 son para outros dous edís, Emilio Villarmeá (deportes) e Mari Carmen Franco (educación e servizos sociais). O posto 10 é para o sindicalista de Comisións Obreiras (CC OO) Jacobo Bermúdez, que entrou na corporación trala marcha de Rodríguez.

CARMEN VARELA, OUTRA NOVIDADE

O número 11 será para Carmen Varela Vázquez, unha das persoas da organización da Festa Labrega de Landrove e traballadora da residencia que ten a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña en Cervo.

Iber Xosé Sánchez Rey; Dulce María Cociña Neira; Óscar Canoura González; Victorina Raposo de Matos; Jesús Chao da Silva e María Dolores Fraga Fernández completan a listaxe dos socialistas. Vicente Hermida Rodríguez, Telma Canoura Regal e Aurelio Goás Gómez serán os suplentes.

O 3 DE MAIO, PRESENTACIÓN

Loureiro conclúe que se trata dunha lista “paritaria” que “garda a esencia do Partido Socialista” e que representará “a todos os sectores da sociedade viveirense. Levamos xente da industria, da pesca, das asociacións ou estudantes, como é o caso de Óscar Canoura, que ten 18 anos“, expón.

A presentación en sociedade da listaxe electoral do PSdeG-PSOE de Viveiro será o día 3 de maio, no Teatro Pastor Díaz.

ÚLTIMAS

Colapsa unha parede do cemiterio de Barreiros deixando féretros e algunha caveira á vista

Veciños do municipio de Barreiros avisaron este venres do derrube dunha parede do cemiterio...

Sete persoas intoxicadas por monóxido de carbono nunha vivenda en Foz

Un total de sete persoas, das cales dúas son menores de idade, necesitaron asistencia...

O servizo de recollida de residuos orgánicos comezará en Viveiro o día 18 de decembro

O Concello de Viveiro informa á cidadanía de que o vindeiro día 18 de...

O Concello de Ribadeo sinala que non subirá as taxas da auga e do lixo

Ribadeo non subirá o recibo da auga e do lixo. Así o asegura Marta...