A candidatura do PSdeG-PSOE de Lourenzá para as eleccións municipais, que liderará a alcaldesa, Rocío López, incorpora outra cara nova, Sonia Gavino Reigosa.
Gavino, natural da parroquia de San Adriano, colaborou en varias ocasións na organización das festas patronais. É educadora social e técnico en actividades deportivas.
López asegura que se trata “dunha rapaza nova que aporta aire fresco e renovación ao partido e un exemplo da xuventude e do futuro da agrupación socialista. É moi coñecida, próxima á mocidade, unha muller seria e responsable e cunha gran capacidade de traballo”, afirmou.
Gavino destacou o seu “compromiso de traballar para os meus veciños, engadindo novas ideas ao proxecto social da alcaldesa e de desenvolver iniciativas que redunden na mellora da calidade de vida da cidadanía”.
Días atrás, o PSOE de Lourenzá presentou a outra das novidades da listaxe, o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autonómos de Lourenzá (Acial), Javier Huertas. Tamén confirmou que o voceiro do equipo de goberno, Manuel Arango, formará parte da candidatura.
A LISTA COMPLETA, O DÍA 21
López avanzou que os socialistas presentarán a lista completa para as eleccións municipais o vindeiro domingo, 21 de abril.
A alcaldesa e candidata do PSdeG-PSOE afirmou que “será unha candidatura que representará ao conxunto da sociedade do Concello, formada por persoas cun denominador común: a seriedade, a honestidade e o compromiso cos veciños”.