O candidato á reelección como alcalde de Foz polo Partido Popular (PP), Javier Jorge Castiñeira, avanzou este martes cinco independentes que se integran na súa lista. Son Laura Riveira, de Cangas; Conchi López, de Nois; Iago Rivas, de Vilaronte; Rocío Basanta, por Marzán; e Miguel Gómez Oroza, por Fazouro.
Castiñeira remarca que estas persoas “dan este paso para traballar polo seu pobo e aportarán frescura e diversidade”.
“Tanto Laura Riveira como Conchi López teñen experiencia por estar nas directivas das asociacións de montes de Cangas e de Nois e ter un contacto directo cos seus veciños. Ademais Laura, que vai de número 3, forma parte do colectivo Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (LGTB) da Mariña Lucense”, subliña.
No tocante a Rocío Basanta, é perruqueira; Miguel Gómez Oroza é graduado en Administración e Dirección de Empresas (ADE); e Iago Rivas é un barista “que leva anos promovendo esta profesión en diferentes concursos de ámbito nacional”, sinala Castiñeira.
SEGUIRÁN CATRO EDÍS
O PP anunciara xa a presenza na candidatura de catro dos actuais concelleiros. Non estará Mercedes González, edil conservadora nesta lexislatura e candidata número 3 ao Congreso dos Deputados por Lugo nas pasadas eleccións xerais, nas que non obtivo acta.