As eleccións municipais deixaron un escenario aberto en Barreiros que se mantén a nove días do 15 de xuño, data chave por estar fixada a celebración do pleno de constitución das corporacións e gobernos locais. A situación é incerta en tanto que o PSdeG-PSOE, que obtivo un edil, afirma que non recibiu ningún chamamento do BNG, o partido máis votado, mentres que o PP -que contará con cinco concelleiros, os mesmos ca formación frontista- admite contactos cos socialistas.
A voceira do PSdeG-PSOE barreirense, Carmen Veiga, sinala que “non houbo ningún achegamento” por parte do BNG, que ten “a pelota no seu tellado” para formar un goberno de cambio en Barreiros despois de décadas de executivos de dereitas.
“NON HAI LUGAR PARA A IMPROVISACIÓN”
Veiga salienta que “o tempo esgótase” e argumenta que “nestes casos non hai lugar para improvisacións“. Defende que os 178 electores que respaldaron a súa candidatura -o 8,92% do escrutinio- votaron “un programa” que espera cumprir de formar parte do goberno.
“Non hai nada decidido e está todo aberto”, sostén a dirixente socialista, que salienta que “hai dous partidos con cinco edís e un que ten a chave do goberno”.
A LÍDER DOS SOCIALISTAS BARREIRENSES DI ESTAR COMPROMETIDA CON QUE HAXA UN GOBERNO “ESTABLE E CUNHA PERSOA PROGRESISTA”
Veiga mostrouse crítica co executivo municipal de Alfonso Fuente Parga, a quen atribuíu a responsabilidade “dun urbanismo salvaxe” -o rexedor en funcións foi acusado e absolto de prevaricación urbanística-, e subliñou durante a campaña a necesidade dun cambio político en Barreiros.
Preguntada por se mantén esta diagnose, a dirixente socialista subliña que o seu compromiso “é que haxa un goberno de estabilidade e cunha persoa que posibilite políticas progresistas“.
“SEN CHAMADA” DA EXECUTIVA PROVINCIAL
A líder dos socialistas barreirenses sostén ademais que tampouco recibiu por agora “unha chamada” da executiva provincial do PSOE, que publicamente manifestouse en contra de que as agrupacións locais posibiliten pactos co Partido Popular. “As persoas que traballamos polo partido socialista barreirense a diario teremos as nosas cousas que dicir ao respecto”, remarca.
O PP CRITICA “OS TABÚS”
Quen admite unha reunión co PSdeG-PSOE é o rexedor en funcións e alcaldable do PP. Fuente Parga asegura que mantivo unha xuntanza con Veiga para transmitirlle que “ela é quen toma a decisión e que o Partido Popular está aberto tanto a participar dun goberno como a traballar desde a oposición“.
“ELA É QUEN DECIDE E NÓS ESTAMOS ABERTOS TANTO A PARTICIPAR DUN GOBERNO COMO A TRABALLAR DESDE A OPOSICIÓN”, AFIRMA FUENTE PARGA
“Non hai nada pechado e pola nosa banda non temos ningún problema en volver sentarnos antes ou mesmo despois do día 15, porque o principal é ter un goberno que satisfaga as necesidades da veciñanza”, expón Fuente Parga, que critica que os grandes partidos falen de vetos ou liñas vermellas. “Penso que ás veces están afastados da política local, na que convivimos uns cos outros e sabemos que precisan os nosos veciños”, argumenta.
Fuente Parga, cuxa candidatura perdeu un edil e caeu do 53 ao 44% do escrutinio, sostén que “non caben tabús” porque “o que votaron os barreirenses é que non haxa maiorías, que dous partidos teñan que encaixarse e chegar a acordos. E é posible chegar a pactos sen que o PP faga política de esquerdas e o PSOE de dereitas”, conclúe.
“OS VECIÑOS QUEREN QUE NON HAXA MAIORÍAS E QUE DOUS PARTIDOS TEÑAN QUE CHEGAR A ACORDOS”, EXPÓN O PP
BNG
Pola súa banda, fontes do BNG sinalan que a organización “ten os seus tempos” e que nos próximos días reunirán á militancia para someter a aprobación o inicio das negociacións co PSOE, dado que non se contempla falar co PP.
A situación política de Barreiros depende tamén dun marco meirande, no que PSOE e BNG parecen proclives a chegar a acordos a nivel galego tanto nos concellos como nas Deputacións. A dirección nacional do Bloque fixo fincapé na posibilidade de evitar executivos de dereitas.
O BNG SOMETERÁ NOS VINDEIROS DÍAS Á APROBACIÓN DA MILITANCIA O INICIO DAS NEGOCIACIÓNS PARA FORMAR GOBERNO
Na Deputación de Lugo, os socialistas, con dez deputados, dependen dos nacionalistas, que obteron tres, para superar a maioría simple do Partido Popular, que suma doce. Nese senso, desde o Bloque barreirense enténdese que un acordo de goberno en Barreiros terá que pasar por dous interlocutores, tanto a nivel local como supralocal.