EFE. O presidente da Deputación de Lugo en funcións, Darío Campos, insistiu o pasado xoves en que a súa intención é buscar un “consenso” para confeccionar unha “lista única” e levala a Madrid, dado que en última instancia é Ferraz quen ten que ratificala, aínda que tamén dixo que intentou poñerse en contacto co secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, ata agora sen éxito.
Campos fixo estas declaracións ao ser preguntado polos xornalistas na rolda de prensa posterior á xunta de goberno da Deputación, en relación coa competencia do alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, para presidir a institución provincial no mandato que está a piques de comezar.
“Xa chamei a Caballero dúas veces, pero a verdade é que non nos colleu o teléfono. Pero sen problema ningún”, expuxo Campos, “imaxino que estará ocupado cos pactos nas cidades e seguro que devolverá as chamadas”.
En relación con Tomé, recoñeceu que aínda non falou con el sobre a súa candidatura a presidir a Deputación, porque agora estase a falar “partido xudicial a partido xudicial para buscar consenso e levar unha única lista a Madrid”.
REPRESENTANTES ELIXIDOS
De feito, lembrou que xa se celebraron xuntanzas nos partidos xudiciais da Mariña Lucense, A Fonsagrada e A Terra Chá, onde os elixidos para ser deputados provinciais foron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; el mesmo, como alcalde da Pontenova; o rexedor da Fonsagrada, Argelio Fernández; e o alcalde de Xermade, Roberto García.
Campos opina que os deputados provinciais designados ata agora nos diferentes partidos xudiciais mostráronlle o seu apoio, aínda que “aínda quedan por elixir os representantes de Lugo, Chantada e Monforte de Lemos“.
“Non estamos pechados a falar con ninguén para chegar a acordos, porque o máis importante para o PSdeG-PSOE é chegar a un consenso para presentar unha lista única e evitar divisións”, insistiu Campos, quen lembrou que el dixo “fai cinco meses” que se ía presentar como candidato a presidir a Deputación.
“Nós estamos a facer o traballo con toda normalidade e, obviamente, falaremos con Ferraz”, afirmou Campos, “porque unha vez elixidos os deputados farase unha proposta ao comité provincial” e despois, co informe da dirección galega, será a Comisión Federal de Listas a que terá a última palabra.
“NADA QUE VER” CON 2015
Campos non ve unha hipotética loita de poder entre a dirección provincial e a galega do PSdeG-PSOE no feito de que Tomé se presente como candidato, porque Monforte de Lemos, no seu día, “apostou nas primarias socialistas por Villoslada e non por Gonzalo Caballero”.
Tamén asegurou que a actual situación “non ten nada que ver co sucedido no 2015“, cando Manuel Martínez entregou o goberno da Deputación ao PP tras ser vetado polo BNG para presidir o goberno provincial. “Hai dous candidatos e haberá que elixir entre un. Entendo que o de 2015 é irrepetible“, concluíu.
CABALLERO COMPROMÉTESE A FALAR
Preguntado por contactos con Campos, Caballero asegurou que acababa de regresar dunha viaxe a Madrid e que acumula “máis de 30 chamadas perdidas“.
En calquera caso, avanzou que se comprometeu a falar “sen problema” con Campos.