O Concello de Xove celebrará este xoves (19.30 horas, consistorio) o pleno de organización da lexislatura que vén de comezar. Na sesión plenaria aprobarase previsiblemente, coa maioría absoluta do Partido Popular (PP), a proposta do goberno local de contar con dúas dedicacións exclusivas, para o alcalde e a tenente de alcalde, e tres parciais, unha máis das recoñecidas no anterior mandato.
Segundo expón o rexedor, o popular Demetrio Salgueiro, tanto o primeiro edil como a tenente de alcalde, Dolores Meitín, percibirán dedicacións exclusivas. O salario do alcalde aumentará de 40.000 a 42.000 euros brutos anuais, mentres que o da concelleira de agricultura e gandería, montes e educación manterase nos 2.356 euros brutos mensuais en 14 pagas, unha retribución que Salgueiro xustifica en que “é unha persoa que está dedicada a tempo completo e permanentemente no consistorio”.
As dedicacións parciais serán para Ana Abad, Cristina Iglesias e Cecilia Duarte. A primeira ocuparase de servizos sociais, sanidade, xuventude, muller e igualdade, áreas polas que percibirá unha retribución de 650 euros mensuais, polos 1.001 que percibiu na pasada lexislatura.
TURISMO, CONCELLERÍA COMPARTIDA
O mesmo importe cobrará Iglesias, que terá baixo a súa responsabilidade as áreas de deportes, xuventude e turismo, concellería que compartirá con Duarte, que levará tamén medio ambiente e unha nova carteira, coordinación do tecido asociativo municipal. Ambas percibirán tamén 650 euros brutos mensuais, un soldo que diminúe no caso de Iglesias.
Sobre o aumento das dedicacións parciais e a creación dunha nova concellería, Salgueiro explica que “levabamos tempo querendo ter unha persoa de enlace co tecido asociativo, dada a cantidade de agrupacións que hai no municipio, tanto deportivas coma culturais ou colectivos veciñais”.
O rexedor salienta que “o gasto mensual neste aspecto non aumenta, senón que diminúe“, e que a cambio de aumentar as dedicacións parciais “non só creamos unha concellería nova senón que reforzamos algunha outra, como a de turismo. Cremos que dous ollos ven máis ca dous e temos claro que é un obxectivo prioritario potenciar os recursos turísticos do municipio”.
Finalmente, os concelleiros Rubén Sánchez Villarquide e Manuel Ángel Meitín Rouco farán un traballo de enlace coas distintas parroquias.
CRÍTICAS DO BLOQUE
O aumento das dedicacións parciais suscitou as críticas do único partido da oposición, o Bloque Nacionalista Galego (BNG), que suma catro concelleiros polos sete dos populares. O partido frontista considera “excesivo” que haxa “tanta xente lucrándose da política municipal nun concello de 3.000 habitantes“, dado que esta circunstancia “non se nota nada nos servizos de Xove, pois ben deitamos da achega desinteresada das asociacións”.
o bloque considera “excesivo” que cinco persoas perciban retribucións “nun concello de 3.000 habitantes”
Os nacionalistas tamén lle afean ao goberno popular que “en ningún momento anunciara esta medida unilateral antes das eleccións municipais”.
O VALADOURO
No Valadouro, onde gobernarán en coalición o PSdeG-PSOE e o Bloque, a formación frontista asumirá novas áreas despois de colleitar un edil máis nos comicios locais, por un que perderon os socialistas.
Así, os nacionalistas ostentarán a primeira tenencia de alcaldía e as áreas de cultura e obras -compartida co rexedor-, que xa levaban desde 2015, pero tamén as concellerías de turismo e servizos sociais.
no valadouro, o bNG asumirá tamén as áreas de turismo e servizos sociais
Por agora non hai data para o pleno de organización nin se estipularon as retribucións. Na pasada lexislatura, o rexedor, Edmundo Maseda, contou con dedicación exclusiva e houbo dúas parciais.
OUROL
En Ourol, o pleno de organización será o vindeiro venres, ás 20.30 horas. O alcalde, o socialista José Luis Pajón, expuxo o reparto de concellerías despois de acadar unha maioría absoluta que lle permitirá gobernar con folgura. Pajón terá dedicación exclusiva.
Paco Ramil levará seguridade e protección civil e medio ambiente; Ana Rico, que percibirá unha dedicación parcial, servizos sociais; Víctor García, economía e deportes; José Ramón Cal, medio rural e montes; María Regina Peña, muller; Manuel Barro, gandería; Ramón Seijas, cultura.
BARREIROS
En Barreiros, tal e como avanzou El Progreso, Antonio Veiga será o primeiro tenente de alcalde e asumirá as concellerías de obras, facenda e desenvolvemento local. Montse Porteiro ocuparase de educación, igualdade e saúde, mentres que Dámaso Ratoeira levará medio ambiente e medio rural e Daniel García dinamización e participación veciñal.
EN BARREIROS, ANTONIO VEIGA LEVARÁ CONCELLERÍAS COMO OBRAS, FACENDA E DESENVOLVEMENTO LOCAL
A alcaldesa, Ana Ermida, que asumirá urbanismo, turismo e contratación, terá unha dedicación exclusiva pola que percibirá 29.000 euros brutos mensuais, mentres que Veiga contará cunha parcial pola que cobrará 12.600 euros por mensualidade. Non haberá, segundo afirmou a rexedora no pleno de investidura, máis retribucións.
ALFOZ
En Alfoz, o socialista Jorge Val será alcalde e responsable de urbanismo, obras, economía e persoal; Arantxa Incera, turismo e atención cidadá, ademais da primeira tenencia de alcaldía, con dedicación parcial; Cándido Paleo levará medio ambiente e medio rural; María Luisa Goás, educación e cultura; César Marrube, festas, eventos e deporte.
ALFOZ, O VICEDO E OUROL DISTRIBUÍRON XA AS ÁREAS DE GOBERNO ENTRE OS EDÍS
O VICEDO
No Vicedo, o alcalde popular Suso Novo, xubilado, non percibirá unha dedicación, que si terá -parcial- Pilar Otero, tenente de alcalde e edila de protección civil, cultura, educación e servizos sociais, cunha remuneración de 902 euros brutos ao mes.
Modesto Riveira ocuparase de mar, festexos e deportes; José Canoura, urbanismo e medio ambiente; Balbino Trasancos, pistas e medio rural e José Dovale gandería, montes e agricultura.
Demetrio Salgueiro: “o gasto mensual neste aspecto non aumenta, senón que diminúe“. É curioso que incremente o seu salario, manteña as demais dedicacións e, sen embargo, non aumente o gasto no Concello de Xove. Unha de dúas: ou este home é meigo ou se ri de nós!
Pois si. Mexan por nós e din que chove!
Así é.
Non pido a ninguén q sepa sumar pero ahí van os datos…2 dedicacións de 1000 pasan a 3 de 650…e a atribución por concelleiro pasa de 100 a 60 euros ó mes…multiplicando por 11 concelleiros e 12 meses…o resultado é que o gasto político total de Xove redúcese sobre de 3000 euros ó ano…os números non enganan..non fai falla ser mago
Demetrio, non se poden confundir allos con bugallos: a rebaixa de 100 a 60 euros da que falas é unha asignación aos grupos municipais, non aos concelleiros a título persoal. Ao tratarse dunha subvención colectiva aos grupos que conforman a corporación, estas cantidades débense xustificar por medio de facturas ante a Intervención municipal coma calquera outra asociación de Xove. Polo tanto, o que pretendes con esta decisión é reducir a capacidade económica da oposición para impedir unha correcta fiscalización da labor do teu goberno. Digamos, para entendernos, que se trata dun “castigo” ao BNG. Nin máis, nin menos.
E tamén sería xusto que informaras á xente de que o teu salario pasa dos 40.000 euros anuais que cobrabas na pasada lexislatura aos máis de 42.000 que decidiches impoñer unilateralmente nesta. Curiosamente, os teus emolumentos correspóndense coa cuantía máxima que permite a lei para concellos de menos de 5.000 habitantes. Xa que logo, está claro de forma obxectiva que as dedicacións políticas nin se reducen nin se manteñen no Concello de Xove, senón que aumentan.
Un saúdo.
A desFACHAtez, caradura e morro desta xente, de todos os do partido, non so do alcalde, chega ata límites insospeitados, teñen que cobrar porque traballan moito, pois sinceramente, non se nota. Nos anos que levan gobernando cada vez fanse menos cousas neste concello, ata o punto de que hai anos que se fai o estrictamente necesario para que a merda non nos chegue a cintura (como maneira de falar), agora para cobrar eles e baixarlles os ingresos percibidos a oposicións para que non faiga moito ruido dáselles xenial, deixade de vivir do conto e buscadevos unha forma de vivir da que non vos aprobeitedes da xente, se é que podedes.