O Valadouro celebrará este xoves (20.00 horas) o pleno de organización do vindeiro mandato. Tralo acordo asinado para reeditar un goberno en coalición que xa estivo á fronte do executivo local no anterior mandato, PSdeG-PSOE e BNG repartiron as áreas de goberno para a vindeira lexislatura.
Destaca o incremento de concellerías para a formación nacionalista, que sumou un concelleiro máis nas pasadas eleccións municipais, mentres que os socialistas perderon un edil.
Así, o tenente de alcalde, Eduardo Chao, ocuparase das áreas de cultura e obras. O novo concelleiro do BNG, Eliseo Teijeiro, levará servizos sociais -delegación na que se inclúen o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou a dependencia– e turismo.
Pola súa banda, o alcalde, o socialista Edmundo Maseda, asumirá as competencias en urbanismo, vivenda, facenda, industria, comercio e persoal.
Fina Geada responsabilizarase das áreas de emprego, formación, coordinación municipal, servizos á cidadanía -onde se enmarcan as iniciativas para fomentar o tecido asociativo- e participación veciñal.
Iago Fernández levará as concellerías de medio rural, medio ambiente e novas tecnoloxías.
Finalmente, María Mon asumirá as competencias en educación, xuventude, deporte, familia e muller.
DEDICACIÓNS
A única dedicación exclusiva no Valadouro será a do alcalde. Maseda cobrará unha cantidade levemente superior aos 18.000 euros brutos anuais que percibiu no anterior mandato.
Mon e Teijeiro desfrutarán de dedicacións parciais, mentres que quedará pendente para outra sesión plenaria a aprobación dunha terceira retribución por tarefas a tempo parcial para Chao.