O novo presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, o socialista José Tomé, asegurou no seu discurso de toma de posesión do cargo, no pleno de constitución celebrado este xoves, que un dos seus “principais obxectivos” é “devolver a normalidade institucional” á Administración provincial.
Nunha sesión constitutiva sen sobresaltos, no que os dez deputados do PSdeG-PSOE e os tres do BNG –forzas políticas que gobernarán en coalición tralo acordo acadado o pasado mércores– fixeron valer a maioría das forzas progresistas na corporación provincial, Tomé mostrouse crítico co anterior executivo e asegurou que se abre “unha nova etapa”.
O presidente da Deputación, que foi avalado pola dirección galega do PSdeG-PSOE e por Ferraz en detrimento de Darío Campos, alcalde da Pontenova presidente do ente provincial no último mandato, asegurou que “degradar o servizo público vai en prexuízo dos máis febles” –posiblemente en referencia aos enfrontamentos entre o goberno socialista e o deputado díscolo Manuel Martínez– e sinalou que a administración debe “saír nas novas “polas políticas que levemos a cabo, e non por outras cuestións”.
Tomé asegurou a “cohesión territorial” e a “igualdade de oportunidades” serán outros dos obxectivos do mandato.
SEIS DEPUTADOS DA MARIÑA
Os deputados polo Partido Xudicial de Mondoñedo tomaron posesión das súas actas. Polo Partido Popular (PP) fixérono a alcaldesa mindoniense, Elena Candia -candidata proposta polos conservadores á presidencia-, o rexedor do Vicedo Suso Novo e o ex primeiro edil de Foz, Javier Castiñeira.
Mayra García Bermúdez e María Loureiro, alcaldesas de Trabada e Viveiro, respectivamente, serán as representantes da Mariña por parte do PSdeG-PSOE, mentres que Mónica Freire Rancaño será a deputada do BNG polo Partido Xudicial de Mondoñedo.
Podes ler a crónica de Silvia López do pleno de constitución no Lugo Xornal.
CRÍTICAS DE CANDIA
A voceira do PP, Elena Candia, lamentou que, “máis que ilusionarnos cun novo proxecto”, Tomé “dedicouse a criticar ao compañeiro saínte”.