A número 2 da candidatura do Partido Popular (PP) de Trabada, a deputada no Parlamento galego Encarna Amigo, anunciou este martes que dimite –dous meses e medio despois do pleno de investidura– como concelleira do grupo conservador no municipio por “razóns de incompatibilidade“.
Amigo presentou este martes o escrito de renuncia “pola imposibilidade de atender os deberes propios do cargo coa dedicación que tal responsabilidade conleva”, argumenta.
A ex concelleira popular explica que os horarios que o goberno socialista previsiblemente aprobará no pleno de organización do vindeiro mércores “coinciden coas sesións plenarias do Parlamento de Galicia e, polo tanto, non podería acudir”.
CRÍTICAS Á ALCALDESA
Así, quéixase da “insensibilidade” da alcaldesa, a socialista Mayra García Bermúdez, á hora de escoller o día e a hora das sesións plenarias, que se celebrarán o segundo mércores dos meses impares. Esta situación “limita os meus dereitos como concelleira”, asegura Amigo, que se di “obrigada” a tomar esta decisión.
Preguntada por este punto, a rexedora preferiu non facer declaracións ao respecto, aínda que si matizou que en ningún momento se lle solicitou modificar a periodicidade e horario dos plenos.
XUNTANZA PARA EXPLICAR A DEMISIÓN
A presenza na candidatura de Amigo, médica natural das Nogais e que no pasado mandato exerceu como edil do PP en Lugo, foi unha das sorpresas das pasadas eleccións municipais.
A ex concelleira e deputada autonómica avanza que explicará a súa postura nunha xuntanza que se convocará no municipio “coa veciñanza que queira asistir e cos simpatizantes do PP local”.