InicioPolíticaBurela, caso único en España, segue á espera da repetición de eleccións

Burela, caso único en España, segue á espera da repetición de eleccións

O municipio burelao é singular no Estado pois non hai outros concellos onde se decretase votar de novo nunha soa mesa; O BNG cualifica a situación "de abandono" das institucións

Publicada o

- Advertisement -

Burela é un dos tres concellos de España, xunto a Granja de Langostera (Valencia) e Cordobilla de Lácara (Badaxoz) que agarda pola repetición das eleccións municipais despois de que as Xuntas Electorais de Zona (XEZ) ou os altos tribunais, como no caso do municipio burelao, ordenasen repetir o acto de votación.

Son un total de 38 municipios en todo o Estado onde os cidadáns deberán volver votar, aínda que en 35 destes concellos a repetición electoral produciuse ao non presentarse candidato, de xeito que a normativa establece un prazo máximo de seis meses para que se repita a convocatoria electoral, a fin de que frutifiquen alternativas para o electorado.

Así, o do municipio da Mariña Lucense é un caso único no Estado, pois tanto no concello valenciano coma no extremeño repetiranse as eleccións municipais de xeito íntegro -ambos son pequenas poboacións de mesa única-, mentres que en Burela só estarán chamados ás urnas 630 dos 7.173 electores do censo.

Son os que votaron na mesa 1.5.U do IES Perdouro, que engloba aos votantes das rúas Arcadio PardiñasBurela do CaboCamiño Real, Campón, Canabal, Torrentes, Eijo Garay, Flores, Pascual Veiga e Zeppelin.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu a razón a Burela Sempre na súa reclamación en relación con seis votos nulos que non puido contabilizar a XEZ por extravío.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o partido fundado por Manuel Martínez disputaban o décimo terceiro edil da corporación por un voto, pois ambos contaban con 271 sufraxios. Tal e como marca a lei electoral, o concelleiro outorgouse á formación máis votada das contendentes, o BNG, que sumou unha terceira acta mentres Burela Sempre quedou sen representación.

ESTE VENRES TAMPOUCO HABERÁ DATA

O encargado de marcar a data dos comicios é o Consello de Ministros, que debe aprobar un Real Decreto a proposta do Ministerio do Interior. Este venres, o Goberno en funcións tampouco considerará esta cuestión, polo que segue sen haber data para as eleccións municipais.

O 28 DE SETEMBRO, PRAZO MÁXIMO PARA A CONVOCATORIA

A Lei Orgánica do Réxime Electoral General (LOREG) establece que o prazo da convocatoria de eleccións -e non da votación– é de tres meses desde a sentenza que decretou a repetición electoral. Así o recolle tamén o fallo do TSXG, polo que en principio o Goberno central ten de marxe ata o vindeiro 28 de setembro para convocar eleccións.

A día de hoxe, non hai contencioso aberto en ningún dos tres municipios nos que houbo litixio. Quedaba pendente unha reclamación en Cordobilla de Lácara que foi resolta, polo que o Executivo central está lexitimado para convocar os comicios nestes tres concellos. De xeito habitual, realízase a convocatoria de forma conxunta.

PILLADO PIDE QUE SE “RESPECTE” A “DEMOCRACIA”

O BNG burelao preguntou o pasado mércores no pleno extraordinario pola data das eleccións locais. O grupo municipal nacionalista cualifica a situación de “abandono por parte do Estado coa complicidade do goberno local do PSOE. É unha vergoña e un desastre para Burela”, asegura o voceiro da formación, Mario Pillado.

O alcalde, o socialista Alfredo Llano, “está encantado coa situación”, sostén Pillado, pois “vai seguir coas vacacións nas que se atopa dende maio, nunha situación que favorece os seus intereses particulares e prexudica ós do conxunto da veciñanza“, argumenta o voceiro nacionalista, que conclúe que “tentaremos, pese a todo, que se respecte a democracia polo ben dos veciños de Burela para que finalice esta situación da mellor maneira posible”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...