A Mariña Lucense exemplificou algunhas das tendencias destas eleccións xerais do 10 de novembro: o crecemento do Partido Popular (PP), que lle serve para ser a forza máis votada en 11 de 16 municipios; a caída de PSOE e Galicia En Común-Unidas Podemos, o crecemento do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a formación que máis medra no tocante aos votos; a maior presenza da ultradeireita, con Vox, que se coloca como terceira forza en catro municipios; e o esvaecemento de Ciudadanos (Cs), que perde dous terzos do seu electorado.
Se nos pasados comicios xerais, o PSOE conquistou varios feudos do Partido Popular e foi a candidatura máis votada en 11 dos 16 municipios da Mariña Lucense, nesta convocatoria electoral o proceso foi á inversa: os conservadores mantivéronse con máis apoios nos concellos de Riotorto, Mondoñedo, Xove, O Vicedo e Barreiros, e gañaron tamén en Cervo e Ribadeo e en termos municipais de goberno socialista, como Trabada, Lourenzá, O Valadouro e Burela.
O PSOE aguantou como forza máis votada noutros cinco municipios onde goberna; Alfoz, Ourol, A Pontenova, Foz e Viveiro.
O Partido Popular foi así a formación preferida polos mariñaos, con 13.620 votos, o que supón un leve crecemento -327 sufraxios- con respecto aos comicios de abril, cando os conservadores obtiveran 13.293. Os populares tiveron os seus maiores porcentaxes de voto no Vicedo (50%), Riotorto (50%) e Xove (45,76%), marcando diferenzas cos socialistas de +24,60%, +31,87% e +23,63%. Tamén fraguaron a súa vitoria na provincia en concellos como Trabada (+11,86%) ou Barreiros (+10,17%).
O PSOE, pola súa banda, experimenta unha importante caída, ao perder 2.132 apoios. Nestas eleccións recolleu 12.283 votos, polos 14.415 acadados na primavera. A perda de votos dos socialistas é especialmente acusada en Trabada, onde pasou de acadar o 39,97% dos votos a quitar o 29,87%.
En todo caso, o partido encabezado por Pedro Sánchez tivo na Mariña un comportamento similar a no resto do Estado; a incerteza que planea sobre a planta de aluminio de Alcoa, coa reivindicación dun abaratamento da enerxía eléctrica que non garantiu o Goberno socialista en funcións, non pasou factura; en Cervo o PSOE perdeu 133 votos, pero quedou a só 127 do PP; en Xove perdeu 106 sufraxios, manténdose como segunda forza; en Viveiro aguantou como primeira opción; en Burela, malia ser adiantado polo PP, tamén amortiguou a caída.
Galicia En Común-Unidas Podemos sofre tamén un significativo revés, con 1.094 votantes menos (pasa de 5.419 a 4.325). Aínda así, aguanta como terceira forza nos catro municipios das vilas da Mariña.
O BLOQUE, O PARTIDO QUE MÁIS VOTOS GAÑA
Sobe á cuarta praza o nacionalismo galego. O BNG sumou 3.508 sufraxios, 826 máis ca na pasada convocatoria (2.682). A Mariña exemplificou a tendencia á alza da formación frontista, que recuperou a representación política no Congreso dos Deputados cun representante, o vicedense Néstor Rego, pola circunscrición da Coruña. Así, mantense como terceira forza en Barreiros, onde goberna, e mesmo sube en porcentaxe de votos do 11,83 ao 15,58%; tamén alcanza o terceiro posto en Mondoñedo e O Valadouro, e en Burela superou o 10% do voto escrutado.
A ULTRADEREITA, TERCEIRA FORZA EN CATRO CONCELLOS
A extrema dereita tamén medra en apoios. Se nos pasados comicios Vox quitou 2.208 votos nos 16 municipios da Mariña Lucense, nestas eleccións xerais os ultras obtiveron 2.929 sufraxios, 721 máis, subindo á terceira posición en municipios como Lourenzá (107 votos, o 9,17%), Trabada (onde quita un de cada dez sufraxios), Alfoz ou A Pontenova. En Ribadeo, superaron mesmo ao partido de goberno, o Bloque.
Pero malia que PSOE e Unidas Podemos tiveron malos resultados, o derrotado na Mariña Lucense -ao igual ca no conxunto do Estado- é Ciudadanos. O partido de Albert Rivera perdeu dous terzos dos seus electores; dos 3.645 votantes acadados en abril, só 1.190 permaneceron fieis á proposta do partido de centro-dereita.
DESMOBILIZACIÓN
Outra das conclusións que permiten sacar os datos da convocatoria é a desmobilización que provocaron as cuartas eleccións xerais nun prazo de catro anos. Contabilizáronse 39.627 votos na Mariña, mentres que se abstiveron 19.954 persoas.
A participación media na Mariña Lucense foi do 66,50%, máis dun sete por cento menos (74,08%) ca en abril. A abstención alcanzou o 37,60% en Mondoñedo ou o 37,21% en Burela, onde, ao igual que en Viveiro, superou o porcentaxe de votos de calquera forza política; en Ribadeo e Foz, igualou á candidatura preferida polos votantes.