O BNG de Burela denunciou este venres que, a poucos días de que se cumpra un mes do pleno de investidura do socialista Alfredo Llano como alcalde, o PSdeG-PSOE non se reuniu co partido nacionalista para formar un executivo de coalición no municipio. A formación frontista asegura descartar “chegar a acordos puntuais” e “non contemplar outra fórmula” que asumir capacidade de decisión a partir dun bipartito.
A normativa dá o prazo dun mes -incluíndo os días hábiles- para celebrar o pleno de organización, que en principio está previsto para o vindeiro 16 de xaneiro. A trece días desa data, non houbo xuntanzas entre socialistas -seis dos trece edís da corporación- e nacionalistas -que sumaron tres concelleiros, por catro do Partido Popular-.
O voceiro do Bloque burelao, Mario Pillado, sostén que “a gobernabilidade do Concello non está garantida unicamente en base á investidura” e lembra que o PSdeG-PSOE “perdeu a maioría absoluta dúas veces en seis meses“. Deste xeito, considera que o “futuro de Burela” pasa por “un acordo que garanta un goberno municipal estable“.
Este pacto, argumenta Pillado, está “cada día que pasa máis lonxe” pola “irresponsable actitude” de Llano. Para o BNG burelao, o feito de que non houbese ningunha reunión entre as dúas forzas políticas desde o pasado pleno de investidura demostra “desleixo e despreocupación absoluta” do alcade, que “semella máis preocupado por el e polo seu partido que polo interese xeral da veciñanza”.
AMBOS PARTIDOS DEIXARAN A PORTA ABERTA A UN ACORDO
O grupo municipal do BNG chama a retomar as negociacións iniciadas antes da investidura. Malia fracasar as conversas, ambos partidos deixaron a porta aberta a volver negociar tralo 7 de decembro, opción que por agora non se produciu. Daquela, Llano falou dun acordo “pechado no tocante ás áreas“, pero con cuestións pendentes no tocante ás dedicacións e á presenza na Xunta de Goberno. O Bloque esixira “máis peso” nun posible goberno de coalición e instara ao PSdeG-PSOE “a interpretar os resultados electorais“. Pillado nega que o reparto de delegacións estivese acordado.
O voceiro da agrupación frontista local reclama a Llano que “abandone o unilateralismo partidista e os personalismos”, posto que “se de verdade lle preocupa o futuro inmediato de Burela, non ha de ser tan complicado atopar puntos en común”.
Os nacionalistas descartan respaldar ao PSdeG-PSOE con “apoios puntuais” se non hai “un acordo en base a un programa de goberno”. Así, reclaman “concretar unha axenda local” que “non se pode garantir sen a presenza do BNG no goberno“, polo que “a única fórmula” que contempla o Bloque burelao “pasa por asumir responsabilidades dentro dun goberno compartido“.
CRÍTICAS AO PP
Pillado amosouse crítico co Partido Popular, que “está a trasladar a idea” de que o BNG facilitou a investidura de Llano. Os conservadores, xulga o voceiro nacionalista, “saben perfectamente que na sesión constitutiva do día 7 unicamente o PSdeG-PSOE presentou candidato, e que este foi investido cos votos dos edís socialistas”. Deste xeito, emprazou ao PP a “preocuparse” por colleitar “o peor resultado electoral desde que Burela é concello”.