O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, amosouse “sorprendido” polas críticas realizadas polo BNG o pasado venres e pediu “respecto” á formación frontista, á que emprazou a sentar a vindeira semana para negociar un goberno bipartito ou un acordo programático. O partido nacionalista cualificara de “irresponsable” a actitude do rexedor e asegurara ver “moi complicado” un pacto despois de que, case un mes despois do pleno de investidura, non se retomasen as negociacións frustradas para un executivo en coalición.
Llano afirma que a postura do Bloque resúltalle “estraña” e “fóra de lugar”. O alcalde expón que “houbo chamadas e tentativas de reunión, e mesmo o voceiro do BNG, Mario Pillado, e máis eu estivemos falando o pasado luns”. Así, pide o mesmo “respecto absoluto” que asegura profesar “a todas as formacións políticas. É mentira que haxa pasividade e non se entende que se suxira irresponsabilidade pola miña parte e menos intereses particulares”, sostén.
“Non sei se están tentando xustificarse por se non hai acordo”, suxire Llano, que asegura que se puxo en contacto con Pillado para manter unha reunión “o martes ou o mércores, o antes posible”, na que agarda “que se estableza de forma definitiva un acordo, e se non é así ver como podemos dar estabilidade ao executivo de Burela”.
DEDICACIÓNS E PESO POLÍTICO, AS DISCREPANCIAS
Llano insiste na posibilidade dun acordo programático entre dúas formacións “de esquerda”, e indica que “había un documento avanzado que falaba dunha colaboración mesmo fóra do goberno”. O Bloque rexeita esta fórmula porque “non se garante” que se cumpran os compromisos se o partido nacionalista “non está no executivo“.
Respecto ás negociacións, insiste en que “había moito feito” antes da investidura, “mesmo un acordo nas áreas“, algo que o BNG nega. As principais discrepancias semellan estar nas dedicacións recoñecidas a cada partido e no peso dos nacionalistas na Xunta de Goberno, na que se deben dirimir as tenencias de alcaldía. O Bloque reclama “que se teña en conta o resultado electoral”, dado o PSdeG-PSOE perdeu a maioría absoluta, mentres que a formación frontista gañou un edil. Os socialistas reivindícanse como a forza maioritaria.
“SEN OPCIÓN PREFERIDA”
Preguntado sobre a opción preferida dos socialistas, que antes da repetición electoral na mesa do Perdouro manifestaron a súa intención de gobernar en solitario, postura que variou antes do pleno de investidura, Llano non elixe nin un executivo con minoría simple e a posibilidade de chegar a acordos, nin tampouco un bipartito. “Temos as portas abertas e non hai preferencia”, argumenta, para concluír que “ten que haber participación e gobernabilidade para que haxa estabilidade en Burela”.
PLENO DE ORGANIZACIÓN, O DÍA 16
O pleno de organización será, segundo confirmou o rexedor, o vindeiro 16 de xaneiro, xoves.