A secretaria provincial do PSdeG-PSOE e candidata ás eleccións autonómicas, Patricia Otero, acompañada dos alcaldes da comarca da Mariña Lucense, denunciou este venres en Foz, a “política de abandono” da Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijóo na comarca. “O PP mantivo a bisbarra á marxe das políticas de investimentos do Goberno galego, gastou en Galicia máis de 40.000 millóns de euros dos impostos de todas as galegas e galegos deixando ao marxe a todos municipios mariñaos”, espetou.
A candidata socialista criticou os “cero euros” da Xunta “para actividade portuaria, para infraestruturas viarias, para chan industrial, concentracións parcelarias e para política forestal”. E preguntouse “por que a Xunta non apostou por unha política encamiñada á transformación da madeira, cando esta comarca é punteira neste sector?”, asegurou.
Otero fixo estas declaracións dende o porto deportivo de Foz, Porto Chico, que “tiña que estar arranxado tal e como comprometera o Goberno de Feijóo no Parlamento de Galicia, pero unha vez máis o compromiso do PP con este proxecto quedou como estaba, no papel si, pero sen orzamentos”, denunciou.
No que se refire ás débedas do PP cos Concellos da Mariña Otero sinalou que tal e como denunciou en reiteradas ocasións o alcalde de Alfoz “nesta vila non hai Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), a concentración parcelaria segue sen rematar e tampouco teñen polígono industrial. E en Foz ademais das melloras no Porto Chico, só hai un pediatra a media xornada e non a xornada completa como corresponde a un concello con esta poboación. E por suposto o investimento do PP para a depuradora é irrisoria, xa que dun proxecto de obras cun orzamento de máis de 12,2 millóns de euros, Feijóo anuncia unha partida nos orzamentos de 503.000 euros”, lamentou.
EDAR DE BURELA
No tocante a Barreiros, “o problema da EDAR de San Miguel é longo no tempo, e segue sen ter solución, e sen ningún investimento da Xunta de Feijóo que sempre actúa mirando cara outro lado. Da de Burela, demandamos no Parlamento que comezaran as obras da EDAR antes de xuño de 2020, e das polo de agora, seguimos sen ter novas. E nos orzamentos de Feijóo hai un partida de 250.000 euros, dos preto de seis millóns de euros que custa o proxecto, unha auténtica tomadura de pelo”, asegurou.
ABASTECEMENTO EN RIBADEO E TRABADA
No caso de Viveiro criticou o anunciado proxecto da ponte sobre a ría, “unha infraestrutura que atravesaría por completo a ría, dende Celeiro ata a recta de Escourido”. En Ourol, advirten os socialistas, “non se tiveron en conta as alegacións do Concello ao Plan de Transporte da Xunta, deixando sen paradas moitas zonas que si tiñan demanda. Ademais, denuncian que dentro do Plan de Camiños da Xunta recortaron 62.774 euros dende a primeira anualidade do 2016, xa que actualmente reciben só 24.600 euros para investir no rural”.
En Ribadeo, expón Otero, tamén son necesarias novas dotacións de abastecemento xunto con Trabada. A maiores, sinalan os socialistas, no concello trabadense demándase construción de EDAR nos núcleos de A Rabexa (Ría de Abres), e na Igrexa (Sante). “O Valadouro tamén conta con deficiencias en canto ao saneamento é precisa unha nova captación de auga do Río Ouro, melloras nas estradas de titularidades autonómica que transcorren polo Concello, así como o pediatra que prometeu o PP de Feijoo na vila”, denunciou Otero.
Na Pontenova “a estrada autonómica LU-741 que chega a Fonsagrada precisa de investimentos e melloras, e en Lourenzá son necesarias melloras no CEIP Juan Rey como a renovacion da carpinteria, o cambio na instalacion eléctrica ou a cuberta da escaleira exterior da entrada ao centro”, indica a candidata socialista.
No acto, estivo acompañada polos alcaldes de Foz, Francisco Cajoto Caserío; Alfoz, Jorge Val Díaz; Lourenzá, Rocío López García; Ourol, Jose Luis Pajón Camba; A Pontenova, Darío Campos Conde; Trabada, Mayra García Bermúdez; O Valadouro, Edmundo Maseda Maseda; Viveiro, María Loureiro García, ademais dos candidatos ás eleccións da Comarca da Mariña Carlos García Rodríguez e Marisol Rey Yáñez.
CRÍTICAS Á VISITA DE CASADO
A secretaria provincial tamén aludiu á reunión que mantivo o pasado xoves en San Cibrao o dirixente do PP, Pablo Casado, con algúns dos representantes do comité de empresa de Alcoa. “Eu pregúntome si o PP foi dar explicacións aos traballadores de porqué o Goberno do PP de José María Aznar, vendeu a prezo de saldo a principal industria de Galicia a unha multinacional americana, sen que o PP de Galicia gobernando na Xunta dixera nin pío”, espetou.
Otero afirmou que “o Goberno de Feijóo non se preocupou ao longo deste anos nin pola balsa de lodos roxos, nin pola falla de investimentos na modernización desta empresa. “Reiteramos o noso firme compromiso para facilitar a viabilidade deste grupo empresarial, pero para iso son máis necesarias que nunca políticas de concertación e non de confrontación”.