A corporación de Viveiro retirou por unanimidade a ordenanza municipal para restrinxir o tráfico no casco antigo que se ía someter a votación no pleno deste martes. O goberno local convocará unha comisión para incorporar as achegas dos grupos políticos a fin de sacar adiante o novo documento no mes de setembro -de ser posible- ou en outubro. O texto deberá someterse a exposición pública durante 20 días antes de ser incluído nunha sesión plenaria.
Entre os puntos a debater, discutirase se cómpre mover da Praza Pastor Díaz o mercado semanal dos xoves, dado que algúns vehículos dos vendedores poderían incumprir a normativa que se pretende aplicar.
MERCADO SEMANAL
A ordenanza incluía un apartado relativo a autorizacións “excepcionais” para vehículos cunha pesaxe superior aos 3.500 quilos. O voceiro de Son Viveiro, Luís Manuel García Otero, preguntou se se ía considerar “unha excepción” o mercado que se celebra cada semana diante do consistorio, dado que algúns camións “duplican ou triplican” o peso especificado.
O novo documento terá que someterse a exposición pública antes de aprobarse no pleno
Unha das opcións expostas foi trasladar a venta á travesía da N-642, descartada en principio pola alcaldía pola densidade de tráfico desa vía que, ante a ausencia dunha variante, é a única opción para cruzar a cidade e tamén a estrada que vertebra A Mariña.
PP
O Partido Popular, pola súa banda, fixo propostas para modificar catro puntos da ordenanza. En primeiro lugar, avogou por recuperar unha terceira entrada pola rúa Pastor Díaz -que incluía o primeiro borrador-, dado que podería beneficiar á multitude de locais de hostalería que se atopan na zona.
En principio, a ordenanza retirada especificaba un acceso por Margarita Pardo de Cela e unha saída por Irmáns Vilar Ponte, con Maruja Mallo como vía de entrada e saída.
Os populares tamén incidiron na necesidade de concretar como se vai sancionar, se cabe, o tráfico de vehículos pesados que –segundo argumentaron- podería afectar aos empedrados do casco antigo.
O PP e o grupo de non adscritos consideran necesario establecer unha terceira entrada Ao casco antigo
Ademais, o voceiro do PP neste apartado, Celestino García, preguntou que solución se lle ía dar a presenza do palco no que se celebran as actuacións musicais das festas de San Roque, durante boa parte do mes de agosto. Por último, calificou de “excesivas” as sancións que contempla a normativa, que oscilan entre os 400 e os 800 euros nos casos máis graves, e 100 e 200 nos máis livianos.
NON ADSCRITOS
O voceiro do grupo de non adscritos, Bernardo Fraga, manifestouse a favor da ordenanza facendo fincapé na necesidade de regular o acceso de vehículos ao casco histórico para protexer dous Bens de Interese Cultural, a Porta de Carlos V e mais a Porta da Vila.
Fraga interesouse por coñecer como se controlará o cumprimento da normativa -con barreiras físicas ou vixiancia por parte da Policía Local– e coincidiu cos populares idoneidade de incluír unha entrada ao núcleo histórico pola rúa Pastor Díaz.
PORTAL DE TRANSPARENCIA
A alcaldesa, a socialista María Loureiro, mostrouse de acordo con consensuar modificacións á normativa e a retirada da ordenanza aprobouse por unanimidade. O novo documento, trala posta en común dos cambios a realizar, será redactado polos técnicos municipais para ser publicado no portal de transparencia durante 20 días.