InicioPolíticaIván Rodríguez Lombardero: "neste contexto de crise, facían falta voces para propoñer...

Iván Rodríguez Lombardero: “neste contexto de crise, facían falta voces para propoñer un cambio de fondo”

O xeólogo ribadense, candidato da Marea Galeguista por Lugo, avoga pola soberanía enerxética e alimentaria e a diversificación da economía: "non podemos depender tanto de Alcoa"

Publicada o

- Advertisement -

Iván Rodríguez Lombardero, xeólogo natural de Ribadeo e traballador do Sindicato Labrego Galego (SLG) na oficina de Lourenzá, será o candidato na provincia de Lugo da recén creada Marea Galeguista. Explica que a raíz do 15-m foise implicando cada vez máis en política ata dar este paso, que supón a principal novidade nas listas electorais provinciais con respecto ás eleccións autonómicas previstas para abril, frustradas polo coronavirus. Anteriormente exerceu como docente universitario e técnico de medio ambiente en empresas privadas e administracións públicas.

MEDIO AMBIENTE

Tendo en conta a súa experiencia no ámbito laboral do medio ambiente, que agarda rescatar desa bagaxe para a política?

Dentro da propia coordinadora do Consello de En Marea o meu papel era a revisión ambiental de todas as propostas, controlar que todas sexan coherentes co acordo de París, encamiñadas a combater o cambio climático e cunha vocación de longo prazo e de sustentabilidade. Buscamos mudanzas estratéxicas para un futuro que sexa viable. No meu caso foi o paso que me fixo implicarme; a coronavirus traerá unha crise social e económica, e se somos curtopracistas corremos o risco de tentar solucións que xa fracasaron.

“O COVID-19 TRAERÁ CAMBIOS; o pp vai redobrar se gaña a deriva cara a precariedade, pensando no sector privado”

O POST-CORONAVIRUS

Por que non concorreu En Marea ás eleccións de abril e si o fai agora, en coalición?

Está relacionado xustamente con esta situación. Crise é igual a cambio, e queiramos ou non, o coronavirus suporá cambios. Haberá quen queira cobrar as facturas do Covid-19 e traballe para o sector privado, para reforzar aínda máis a deriva da precaridade: aí estará o Partido Popular. Pero tamén existe a posibilidade de dar un xiro cara un fortalecemento dos sistemas públicos, un modelo distinto deste desastre que se reflicte en como se ten os hospitais e as nosas residencias.

“PODE SER UNHA DAS ÚLTIMAS OPORTUNIDADES NAS QUE HABERÁ INVESTIMENTO SUFICIENTE PARA, CON POLÍTICAS AXEITADAS, CAMBIAR COUSAS”

Cremos que será unha das últimas oportunidades nas que haberá investimento para, se hai políticas axeitadas, dar un cambio substancial. Por iso decidimos presentarnos. Consideramos necesario un discurso que mova as formas de facer, que busque un cambio de fondo, que pase polas administracións pero tamén pola conciencia da xente. Queremos facer unha campaña pedagóxica, atenta ás necesidades das persoas, pero tamén poñendo o foco nas conciencias. No noso programa, que iremos desvelando, non quedarán fóra nin a emerxencia sanitaria, nin a feminista, nin a medioambiental.

Por poñer un exemplo, temos un sistema agrario e forestal que fraquea e ten vías de auga por todas partes; comeza a caer o prezo do eucalipto, non chegan os acordos de contratos do leite que se prometían… E seguimos no mesmo camiño, facendo demandas que non implican cambios, pensando no curto prazo. Deste xeito, pensamos que se non nos presentabamos non ían escoitarse estas voces. Cando a crise de 2008, oíase, “ninguén avisou”, “quen podía imaxinar que isto pasase”. Nós queremos ser os que avisen e os que propoñan os trocos a facer para que non se produza algo así.

“HAI QUE MUDAR O noso MODELO forestal e gandeiro: o prezo do eucalipto cae, non chegan os contratos de leite prometidos…”

“TRANSFORMAR” A ECONOMÍA

Fan fincapé nunha sensibilidade ecoloxista.

Pero cando falamos de poñer a vida no centro, temos que poñer ao ser humano en relación co medio. Precisamos do medio. A pandemia que estamos a vivir, así o confirma a ciencia, vén da depredación dos sistemas ecolóxicos, que fai que toda esa fauna salvaxe estea máis en contacto cos seres humanos. A nosa proposta é de transformación dos sectores produtivos, é agrarista, porque confiamos en que o rural pode quitarnos as castañas do lume.

“A NOSA PROPOSTA É AGRARISTA, PORQUE O RURAL XA NOS QUITOU AS CASTAÑAS DO LUME E PODE VOLVER FACELO”

Falando dos sectores produtivos, é inevitable preguntarlle por Alcoa.

Nós pedimos unha intervención pública para que se garanta a produción e os postos de traballo. A situación que temos agora mesmo é o resultado de dar subvencións sen contrapartidas sociais nin medioambientais a multinacionais. Hai que rematar coa estrutura tarifaria eléctrica, facendo unha que sexa boa para familias e industria. PP e PSOE estiveron aliñados cos intereses do oligopolio eléctrico. Agora necesitamos unha solución urxente que non pode pasar por botarse culpas uns a outros.

Un exemplo do que mencionaba anteriormente é precisamente Alcoa, porque na Mariña dependemos un 80% desa empresa. Pero non podemos vivir con esa dependencia; ademais de solucionar este conflito, temos que diversificar a nosa economía. A nosa industria non pode depender dunha bauxita que vén de fóra e que se transforma a partir dun carbón que vén de fóra; porque así estamos suxeitos totalmente ao exterior.

“o turismo tampouco depende de nós; temos que buscar o valor engadido do noso vento, do noso solo, do noso agro e da nosa gandería”

Outra parte dos nosos ingresos, que non podemos despreciar, vén do turismo, é dicir, tamén depende de decisións de fóra. Os países do terceiro mundo venden materias primas e mércanas elaboradas. Temos que saír desa roda terceiromundista de funcionar, buscar o valor engadido: do noso vento, cuxos beneficios van parar a multinacionais, do noso solo a través da produción forestal, do noso agro a partir do cultivo, e das nosas capacidades para producir leite, carne… A nosa é unha proposta ambientalista, pero de transformación ecolóxica da economía.

ESTRATEXIA

O coronavirus fixo pensar na soberanía alimentaria. Revelouse a nosa dependencia.

A soberanía alimentaria e a soberanía enerxética son os dous eixos que temos que traballar. Temos que ser quen de producir os nosos alimentos e enerxía. Nestes dous sectores pódese crear un montón de emprego. A maior parte da enerxía que consumimos, o Gasóleo C, vén de fóra, e fóra van os beneficios. Se somos capaces de traballar con eficiencia, como nos piden os compromisos de París, e sumar ademais biomasa forestal para ter nela outra fonte de enerxía, son unha enorme cantidade de cartos que quedan na Mariña.

“se somos curtopracistas caeremos nos erros xa cometidos. precisamos pensar A LONGO PRAZO”

O que non pode ser é que dentro de 20 anos teñamos que dicir que Alcoa é o 80% da economía da comarca e máis do 30% da economía provincia de Lugo. Isto é o que pasou no tempo que leva Feijóo no Goberno. Precisamos unha Xunta con capacidade para mirar a longo prazo, cunha estratexia.

Feijóo vai tomar as eleccións como un plebiscito á súa xestión. Decisións que está agora a rectificar para non meter a pata, como o peche do paridoiro de Verín, vanse tomar como válidas se gaña, ao día seguinte dos comicios. Iso témolo que ter presente.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...