InicioPolíticaDaniel Castro: "a mocidade ten que perder o medo a participar; ou...

Daniel Castro: “a mocidade ten que perder o medo a participar; ou facemos política ou farana por nós”

Con 24 anos, o ribadense será o deputado máis novo do Hórreo, en representación do BNG

Publicada o

- Advertisement -

Cando se celebraron as eleccións autonómicas de 2016, o ribadense Daniel Castro, con 20 anos, miraba de reollo o reconto desde Cornellá, a onde acudiu a animar o seu Celta. Tralos comicios de onte, este estudante de Filoloxía Galega e membro de Galiza Nova será o deputado máis novo do Parlamento galego, despois de que o BNG conseguise tres escanos na provincia de Lugo.

DESDE OS 19 ANOS NA MILITANCIA

Ten 24 anos, pero xa leva un tempo na política.

Pois si, levo militando desde os 19 anos, aínda que desde os 16 xa estaba moi achegado. A política gústame desde sempre, quizais porque había ese ambiente na casa, porque meu pai foi concelleiro en Ribadeo. Desde moi pequeno atraeume un montón. E a verdade é que nunca pensei noutro partido que non fose o Bloque.

“afilieime ao bng cando non gozaba de moita saúde, pero estaba convencido”

Sempre me considerei unha persoa de esquerdas e soberanista, e para min é a única organización política galega que cumpre esas dúas premisas. A pesar de que no momento no que me afiliei, digámolo así, non gozaba de moita saúde. Pero non dubidei, estaba convencido. Logo fun participando máis e máis, entrei na dirección de Galiza Nova e no consello comarcal da Mariña, e un día, sen comelo nin bebelo, atopeime con esta oportunidade. E aquí estamos, despois dunha campaña de moito traballo por parte de todos que tivo recompensa.

DE 1997 A 2020

O BNG tivera o mellor resultado nunhas eleccións autonómicas no 1997, cando vostede tiña un ano. Pero cando se afiliou pasaba polo seu peor momento.

Comecei a militar despois da segunda volta das eleccións estatais do 2016, co porcentaxe máis baixo histórico. Hai xente que lle gusta arriscar, parece (ri).

REMONTE

A que atribúe o remonte do Bloque nos últimos anos ata conseguir o seu mellor resultado histórico en Galicia, liderando a oposición?

Hai un factor chave, que é innegable, que é o desencanto dalgunha xente co proxecto das Mareas e de Podemos en Galicia. É indiscutible, pero está claro tamén que toda esa masa de voto non es capaz de atraela sen un grande traballo detrás, se non hai un proxecto e unha gran líder, como é Ana Pontón, que ten unha gran representatividade. E un gran esforzo realizado durante catro anos na lexislatura anterior, con seis deputados que fixeron marabillas coa pequena representación que había.

“había desencanto con en marea e podemos, pero sen traballo e sen unha gran líder non se atrae a eses votantes”

Penso que conseguimos transmitir que somos a forza máis útil para o cambio en Galicia, o que demostramos nos Concellos, que son a nosa mellor marca, e tamén tanto en Europa a través de Ana Miranda coma no Congreso con Néstor Rego. Penso que a mestura de todo iso fixo que houbese xente que volvese votar polo BNG ou que nunca votase á nosa formación e que se decidise por ela esta vez, tanto xente máis maior como á mocidade.

RAPAZADA E INSTITUCIÓNS

Como mozo que é, como ve a participación da súa xeración na política? E o comportamento da política con respecto da súa xeración? Hai unha ruptura entre o debate político no Parlamento e o Congreso e a mocidade, sente a rapazada que non se abordan os seus problemas?

Desde o meu punto de vista, non só se ten que falar máis da mocidade, senón que a mocidade ten que falar máis. Que non se vexan as institucións políticas como entidades nas que só poden participar señores e señoras, xa curtidos en política. Penso que cada vez a mocidade está máis desligada da política e creo que hai que atender a iso e cortalo. E quizais foi tamén un dos acertos do BNG nestes últimos anos, que soubo modernizarse e apostar pola xente nova, primeiro dando a oportunidade a xente como Olalla (Rodil) e Noa (Presas). Foi unha aposta moi arriscada, pero agora o tempo dános a razón pois refrendouse con bos resultados.

“ANTES, O BLOQUE XA LLE DERA A OPORTUNIDADE A OLALLA (RODIL) E NOA (PRESAS). APOSTOU POLA MOCIDADE, CON MOITO RISCO, E SAÍU BEN”

Neste futuro Parlamento haberá tres deputados de Galiza Nova, o que me parece moi importante, porque é unha mostra clarísima de que se aposta pola mocidade.

A xente nova ten que perder o medo a participar, mesmo se non é dentro dunhas siglas, a partir das asociacións e colectivos. Pode facelo de calquera forma e en calquera eido. É imprescindible, porque se non facemos nós a política vana facer por nós, imos ser suxeitos pasivos dela.

OBXECTIVOS

Que obxectivos lle gustaría cumprir nos vindeiros catro anos?

É difícil responder a esta pregunta cando aínda penso que non asimilei ben a realidade (ri). Pero diría que quedar satisfeito co traballo, non acabar a lexislatura coa sensación de que podía ter feito máis cousas. A miña idea pasa por colaborar en todo o que poida para que o BNG sexa capaz de facer unha oposición firme, rebatendo as políticas do Partido Popular. E tamén prestar voz á comarca da Mariña, algo que é tan necesario neste momento, coa crise industrial de Alcoa ou cos problemas que ten a nivel de comunicacións.

“gustaríame ser parte dunha oposición firme e traballadora e darlle voz á mariña, que é moi necesario neste momento”

LEXISLATURA

Os galegos veñen de validar o goberno de Feijóo e do Partido Popular coa súa cuarta maioría absoluta. Que lexislatura espera?

A lexislatura que desexariamos sería unha non absolutista, porque hai maneiras e maneiras de entender unha maioría absoluta, pero vendo a traxectoria de Feijóo é o que nos agardamos. Esperamos un PP empregando a institución coma se fose súa, tendo a Galicia como o seu feudo, pero sen traer unha soa competencia máis, cun tecido industrial cada vez máis feble, cunha sanidade máis debilitada. Non agardamos nada bo deste Partido Popular, pero o noso compromiso é que en fronte seremos 19 deputados que, ante estas situacións, non imos deixar pasar unha.

SORPRESA

Esperaba ser candidato? Deputado?

Para nada, nin candidato nin deputado, foi algo totalmente inesperado. Penso que até o de agora non aterrei, por dicilo dalgunha maneira. Día a día fareime consciente do que significa ser deputado.

Lembra que facía hai catro anos, cando as eleccións galegas de 2016?

Estaba vendo un Espanyol-Celta en Cornellá e seguindo o reconto polo móbil, se me din daquela que hoxe sería un deses números que se converten en representantes políticos, en escanos, non mo crería de ningunha maneira. Pero non fai falta remontarse tanto no tempo; en xaneiro tampouco mo podía imaxinar (ri).

O Celta tamén remontou desde moi abaixo tirando da canteira, primeiro con aquel gol de Iago Aspas que o mantivo en Segunda. Agora, toquemos madeira porque non está feito aínda, ten pinta de estar máis estabilizado.

Quero e espero que o proxecto do Bloque non teña tantos altibaixos (ri). Esperamos que o proxecto sexa tan estable e exitoso coma o de Berizzo, por poñer unha analoxía (ri).

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...