O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, modificou as delegacións de competencias no goberno municipal tras a toma de posesión como concelleiro de Javier Fraga Fernández no pleno deste mes, despois da demisión de Héctor Moris, quen fora concelleiro de educación e cultura.
Cajoto anuncia que “o novo concelleiro, Javier Fraga, asumirá as delegacións de Festas e Servizos Públicos de Alumeado e Abastecemento, co obxectivo de reforzar o control e mellorar a xestión nestes servizos públicos. Inés López Couto, que é a segunda tenente de alcalde, faise cargo da carteira de Cultura, que se suma ás delegacións en Facenda, Emprego, Innovación, Administración Electrónica e Transparencia. As competencias en educación son asumidas pola alcaldía, que xestionará directamente xunto con Obras, Urbanismo, Servizos -excluídos Alumeado e Saneamento- e Seguridade Cidadá”, concreta.
CONTACTO “MÁIS DIRECTO” COS CENTROS EDUCATIVOS
“Creo necesario asumir directamente a xestión de Educación no momento actual de pandemia para que os centros educativos teñan unha información o máis directa posible e a solución ante un problema poida ser áxil”, argumenta o rexedor.
CONTINUIDADE NAS OUTRAS DELEGACIÓNS
O resto de concelleiros do bipartito focego seguen coas mesmas delegacións. O primeiro tenente de alcalde, o nacionalista Francisco Xavier Fanego Bermúdez, é responsable de Patrimonio, Medio Ambiente, Medio Rural e Mar e Normalización lingüística.
Ana Rojo Eijo ten as delegacións de Asuntos Sociais e Familia. Gema Méndez Leivas segue coas de Deportes e Xuventude. María Milagros Louzán García ten atribuídas as de Muller, Igualdade, Inmigración e Sanidade. Chema Linares Rodríguez continúa coas de Comercio, Turismo e Actividades Económicas. Carlos García Rodríguez segue coas de Comunicación, Relacións Institucionais e Coordinación da Axenda 2030.