O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, contestou ás críticas realizadas polo PP contra o concelleiro de cultura, educación e sanidade, José Díaz.
Os populares acusaron ao edil de ausentarse de “nove de 21 xuntas de goberno durante o presente ano”. O rexedor replica que sempre que faltou ás xuntas de goberno, o edil fíxoo “xustificadamente” e lembrou que percibe unha “dedicación parcial, polo que cando non estivo foi por cuestións derivadas da súa actividade profesional”.
Llano asegurou que “non se pode admitir ningunha dúbida sobre esta persoa porque está traballando moito en horario que non lle corresponde. E grazas ao seu traballo somos o referente claro da cultura en toda a comarca da Mariña e en Asturias”, afirmou.
O rexedor lembra que Patricia Otero pasou a ocupar un posto como deputada parlamentaria “e veu outro concelleiro. Ela tiña unha media dedicación que agora queda para gastos xerais do concello. Non estamos aquí para aproveitarnos”, concluíu.