O Concello proporá á historiadora e mestra Herminia Pernas como cronista oficial de Burela no pleno do vindeiro 28 de marzo, o último ordinario da lexislatura.
De aprobarse o nomeamento, a investigadora sucedería ao párroco Benjamín González Quelle, falecido en maio pasado. Sería a terceira persoa en ocupar o posto, que estreara o tamén sacerdote Ricardo Pena Domínguez, finado no 2006.
O alcalde, Alfredo Llano, explicou que Pernas é a “persoa ideal” para continuar coa labor de “promoción cultural e histórica do concello” que realizaron os seus predecesores.
“É unha persoa coñecida e recoñecida no noso concello pola súa forma de facer as cousas, e polo interese histórico que amosa cada vez que ten ocasión”, indica.
Pernas, doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, ten afondado no papel do xénero feminino en publicacións como ‘Esquecidas pola historia: as mulleres compostelás entre finais do século XIX e o primeiro terzo do XX‘ ou ‘Historia das mulleres en Galicia‘.
OBRAS
O rexedor tamén adiantou que levará ao pleno os investimentos previstos con cargo ao Plan Único da Deputación.
No tocante as obras, Llano explicou que prevén continuar cos traballos de humanización da rúa Rosalía de Castro, así como remodelar a pista multideportiva do parque.
O goberno local prevé investir 226.000 euros en obras con cargo ao Plan Único da Deputación
Tamén se proxectan melloras na iluminación e na pavimentación das pistas de pádel da Marosa, a rehabilitación do firme da rúa Lamestra e da praza Antonio Garelli.
As actuacións contempladas sumarían un investimento de 226.000 euros.
SERVIZOS SOCIAIS E EMPREGO
O executivo tamén presentará á corporación municipal o programa de Servizo de Axuda no Fogar –cunha achega de 80.000 euros por parte da Deputación-, e o plan de emprego, ao que se destinarán outros 80.000 euros.
O Servizo de Axuda no Fogar e o plan de emprego dotaranse con 80.000 euros
Ademais, darase conta ao pleno das previsións de financiamento de actividades culturais, deportivas e eventos turísticos, ás que se destinarán uns 37.000 euros.
MANCOMUNIDADE DE AUGAS
A xestión da auga tamén será materia do último pleno ordinario do mandato socialista. O goberno local proporá a cesión de competencias propias en favor do consorcio no que colaboran co concello de Cervo e no que tamén está representada a Xunta de Galicia.
Llano explicou que a finalidade do procedemento é avanzar na creación dunha mancomunidade co municipio cervense.
CRÍTICAS DO PP
O Partido Popular de Burela criticou este venres que a lexislatura se esgote sen que o goberno local elaborase as ordenanzas para regular a venda ambulante, a instalación de terrazas en espazos públicos e os complementos de produtividade do persoal do concello.
Os conservadores sosteñen que o executivo se comprometeu a elaborar os regulamentos en 2017 e en 2018, ao incluílos nos planos normativos aprobados en pleno, e que “non fixo nada”.
O PP critica a falta de ordenanzas de venda ambulante, instalación de terrazas e complementos de produtividade do persoal municipal
“O alcalde está poñendo negro sobre branco a súa vagancia e a súa incompetencia política para sacar adiante cuestións importantes, pero non nos sorprende”, manteñen.
Así, os populares sinalaron os “incumprimentos” do goberno local en relación co espazo portuario da traseira da Capitanía Marítima, co plan de tráfico, co parque empresarial do Perdouro ou co novo pavillón.