A fin de semana comeza desta vez por anticipado aproveitando a festividade do venres. A compañía de monicreques Trompicallo representará o espectáculo infantil Planeta Ardora na Casa da Cultura de Burela ás 18:00 horas.
SÁBADO: FEIRA DO MEL E ROTEIROS
O sábado, O Valadouro celebra en Ferreira a súa tradicional Feira do Mel. Os postos da feira abrirán ás 10 da mañá e, a diferenza doutros anos, a venda continuará pola tarde. A axenda da xornada complétase con diferentes actividades como un obradoiro de velas e unha degustación de freixós con mel. Ademais, desenvolverase unha conferencia sobre o control da velutina na que participirán Marifé Sixto, o investigador da USC Xesús Feáns e José María Vázquez, xerente da empresa Serpa.
Á tarde, Viveiro acollerá un roteiro sobre os irmáns Vilar Ponte. O historiador Carlos Nuevo Cal guiará aos asistentes nun percorrido urbano que saíra da estación de autobuses e que seguirá os pasos dos fundadores das Irmandades da Fala. A actividade organizada por Causa Galiza encádrase no marco das conmemoracións do centenario da I Asemblea Nacionalista de 2018.
A axenda do día ten dúas citas nocturnas. Vegadeo acolle o cuarto encontro de Cantares de Barra da Veiga. Dez grupos de Ribadeo e do Occidente asturiano percorrerán os establecementos hosteleiros da localidade para amenizar a noite con música popular.
Na madrugada, a partir das 00:45 horas, comeza o espectáculo visual da Queima dos Fornos na Pontenova. As orquestras Lume e Capitol actuarán na Praza durante a noite. As festas na localidade continuarán o domingo, coa música das orquestras Compostela e París de Noia.
DOMINGO DE MERCADOS, TEATRO E FÚTBOL
Ribadeo celebra a Festa Horta coa que rematan os mercados dos domingos que se desenvolveron nos meses de verán para promocionar o consumo de proximidade e os canais de comercialización directos. Os dezoito postos do mercado instalaranse diante da Praza de Abastos. Durante a mañá realizarase un obradoiro de cestería e degustacións de productos local. Tamén haberá zume de mazá artesá, castañas asadas e un concerto de Frankliln Soul. As 12:00 horas, lera o pregón Elia Rodríguez Álvarez, fundadora da finca As Fadegas nas Anzas e pioneira na agricultura ecolóxica en Galicia.
Á tarde, comeza na localidade a Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón que, por primeira vez, está dedicada integramente aos nenos e nenas. A primeira representación do ciclo será Choruma, un espectáculo para pícaros ata os 4 anos da compañía ourensá Trécola que poderá verse no Cine Teatro.
De volta a Burela, outras citas da fin de semana e o rastro solidario de segunda man, que se organizará na Praza da Mariña ou na antiga Praza de Abastos, en función do tempo. A doazón dun quilo dalgún producto ao banco de alimentos municipal bastará para participar na venda.
O comercio e a hostalería de Foz reivindicarse este domingo no Martínez Otero. O Centro Comercial Aberto de Foz convidará a café a todos os asistentes ao encontro entre o CD Foz e o San Tirso, e sorteará 100 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados.