IniciosociedadeA xestión previa á riada de Xunqueira enfronta ao Concello e Augas...

A xestión previa á riada de Xunqueira enfronta ao Concello e Augas de Galicia

O ente autonómico subliña que o goberno local sabía "que se trataba dunha zona de alto risco de inundación" e a alcaldesa responde que "por iso solicitamos limpezas que non foron atendidas"

Publicada o

- Advertisement -

A riada que causou a morte dunha persoa en Xunqueira e afectou ás vivendas dunhas 40 familias enfrontou este xoves a Augas de Galicia e o Concello de Viveiro.

A polémica xurdiu despois de que a directora do ente autonómico, Teresa Gutiérrez, asegurara no Parlamento de Galicia que “o goberno local era coñecedor da situación de risco potencial de rebordamento”.

Gutiérrez respostou así a unha pregunta do deputado de En Marea Marcos Cal. A directora de Augas de Galicia asegurou que a zona afectada polas inundacións do pasado 18 de novembro “xa estaba catalogada como de risco potencial de inundacións, e que tanto o Rego da Cova como o Trasporta están consideradas áreas de perigo significativo”.

A dirixente do organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asegurou que se puxeron a disposición das autoridades municipais de Viveiro “os mecanismos correspondentes e necesarios” para coñecer estes riscos, sen que o goberno local, asegurou, “presentase ningunha alegación ao respecto“.

Cal, pola súa banda, afirmou que o Concello contactou coa Consellería para adoptar medidas e “foi o Goberno galego o que dixo que non había nada que facer porque estaba todo en orde“.

XIRO NO DISCURSO

As declaracións de Gutiérrez supoñen un xiro na postura de Augas de Galicia, a quenes os veciños acusaron reiteradamente de non atender as súas peticións de limpeza do río Fontecova.

Até o de agora, o Executivo autonómico aludira a un fenómeno meteorolóxico “que ocorre cada 500 anos” para xustificar que “unha limpeza non tería evitado a riada”, e afirmara que os técnicos de Augas de Galicia comprobaran “en setembro que non había ostáculos” para o cauce.

MALESTAR

As palabras de Gutiérrez sentaron mal no goberno local viveirense. A alcaldesa, a socialista María Loureiro, sinala que “o Concello foi sempre consciente da situación de risco que existía e por iso, xunto coa asociación de veciños de Xunqueira, solicitamos varias veces que se limpara a zona“.

A rexedora lembra que “hai dous anos, o Concello decidiu actuar pola súa conta dado que non tiñamos resposta e dado que percibíamos que había un perigo e fomos multados por este motivo”, unha afirmación que confirman membros da asociación veciñal.

Loureiro asegura que “hai unha zona que nos corresponde limpar a nós e outra a Augas de Galicia. Na nosa parte, pedimos rapidez na concesión dos permisos; e na parte que lles toca a eles, solicitamos que o fagan”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...