InicioSucesosAugas de Galicia di que Xunqueira estaba “en boas condicións” e que...

Augas de Galicia di que Xunqueira estaba “en boas condicións” e que a limpeza dos ríos “non soluciona casos extraordinarios”

O organismo autonómico fai fincapé na cantidade de preicipitacións acumulada e asegura que os técnicos estiveron na zona en setembro sen considerar procedente unha actuación

Publicada o

- Advertisement -

Despois de que varios veciños de Xunqueira afectados pola riada que provocou numerosos danos en casas e vehículos e a morte dunha muller de 83 anos sinalaran a Augas de Galicia, o organismo autonómico asegura que “fixo os deberes” e que a limpeza dos ríos “non é solución” para casos de “precipitacións extraordinarias”.

Dada a cantidade de maleza e árbores que levaba o caudal que asulagou o barrio viveirense na madrugada do pasado domingo ao luns, varios dos afectados aseguraron que a falta de limpeza do río foi unha das causas da riada, e lembraron que levan meses e mesmo anos esixindo á Xunta de Galicia unha actuación.

Fontes de Augas de Galicia sinalan que “nos casos de intensidades de choiva como os acontecidos, cuns niveis de precipitacións extraordinarias, a solución non está na limpeza dos cauces dos ríos”.

As mesmas fontes espoñen que se produciu “un fenómeno illado, no tempo e no espazo”.

14,8 LITROS/METRO CADRADO EN 10 MINUTOS

Mentres que as estacións da contorna mostraban parámetros de chuvia moderados, o Penedo do Galo recibiu 14,8 litros por metro cadrado en só dez minutos. Trátase dunha intensidade extraordinaria nunha bacía pequena e sen capacidade para evacuar a auga”, argumentan.

Táboa de precipitacións acumuladas. AUGAS DE GALICIA

Así, Augas de Galicia sostén que “as limpezas dos ríos son só unha das posibles medidas que se poden tomar para facer fronte os desbordamentos dos ríos en casos de niveis normais de precipitacións, pero nos casos extraordinarios como o vivido onte en Viveiro, non poden evitar a riada”.

O organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade afirma que “o máis eficaz nestes casos é unha actuación integral por medio dun plan de riscos de inundación, que contemple a desocupación de zonas inundables, a contratación de seguros, a limitación de usos do solo ou as actuacións de defensa nos treitos urbáns”.

Neste ámbito, sinalan, as competencias de Augas de Galicia son “a identificación e caracterización destas zonas de risco”, unha tarefa na que “temos feitos os nosos deberes”, argumentan.

VISITA EN SETEMBRO

En setembro, segundo expón o ente autonómico, técnicos de Augas de Galicia estiveron na zona onde se rexistraron as incidencias do pasado domingo. Os especialistas observaron “que a zona estaba en boas condicións, aínda que si que actuaron noutras zonas de Viveiro onde se considerou procedente, coma no río Louredo”.

Augas de Galicia asegura que “corresponde aos concellos a limpeza dos treitos urbáns” e insta a investigar as causas da riada “sen precipitarse. Hai moitos aspectos a avaliar: presión urbanística, infraestruturas que obstaculizaron o paso, posibles desprendementos de terreos augas arriba…”, conclúe.

ÚLTIMAS

O Concello de Viveiro sinala que non ten previsto retirar axudas a clubes deportivos

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, aclara que o concello non ten en ningún...

Ribadeo prepara varias actividades para o Nadal que estarán en diferentes localizacións

A programación de Nadal de Ribadeo arrincará este venres, 1 de decembro, co acendido...

En prisión provisional o veciño de Burela que acoitelou a outro home o venres

O home acusado de ferir con arma branca a outro home no municipio de...

Viveiro entregará a Medalla de Ouro da Cidade á Confraría de Pescadores de Celeiro

O Concello de Viveiro entregará a medalla de Ouro da Moi Noble e Moi...