O Concello de Xove presentará na tarde do mércores (20.30 horas, salón de actos do consistorio) a campaña audiovisual Xoveemprendeengalego, destinada a fomentar o uso do idioma entre as novas empresas do municipio.
Entrevistamos a Rosa Lage, axente de emprego e desenvolvemento local (AEDL) que ideou a campaña, financiada pola Xunta de Galicia.
P. Cales son os obxectivos desta campaña?
R. Desde a oficina de emprego e desenvolvemento local sempre tentamos traballar temas transversais. Neste caso, hai dous obxectivos principais. Por un lado, a creación de emprego e de pequenas empresas a nivel local, o estímulo ao emprendemento; por outra banda, fomentar o uso do galego. Realmente, poderiamos falar dun mesmo obxectivo que é valorar o noso.
Entrevistaron a seis persoas do municipio que se teñen negocios e que usan preferentemente o galego. Como defenderon o uso do idioma?
Falaban de que, sobre todo á hora de utilizar as redes sociais, tratábase dunha cuestión de naturalidade. Dicíannos que non se sentían eles mesmos ou elas mesmas se non se expresaban en galego.
Hai prexuízos sobre o uso do galego no ámbito empresarial?
Unha das preguntas que lles fixemos e que me parece das máis interesantes foi a seguinte: Cres que se alguén che fala castelán no teu negocio, ti debes falarlle castelán ou que é correcto falarlle en galego se o entende perfectamente?
Vivimos aínda nunha sociedade na que a diglosia pesa. Moita xente pensa aínda que falar en galego a quen nos fala castelán é de mala educación. Se esa persoa está a entender o que dicimos en galego, non hai por que deixar de expresarnos no idioma que nos sentimos cómodos. É unha cuestión de convivencia e de respecto mutuo, da clientela á empresa e da empresa á clientela.
No tocante á rede, hoxe, se algo nos interesa de verdade, buscamos e mercamos produtos cuxa información vén en inglés ou noutros idiomas. Temos ferramentas para iso.
Como pode axudar o galego ao empresariado que o utilice?
O idioma pode favorecer a creación do concepto dun produto, a identificación dunha marca. E non ten por que ser unha barreira.
Un exemplo é o de Paula Patiño, que estará na presentación da campaña.
Si. Patiño é a impulsora de A Castrexa, unha empresa de marmeladas e outras conservas vexetais. Esta marca, que ten o selo de calidade da reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, vende online a varios puntos de España e fai toda a etiquetaxe en galego, sen que iso mermase as súas posibilidades.
Outro é Xacio Baño, a quen o Concello lle encargou a realización audiovisual.
Xacio gravou en galego a súa primeira longametraxe, ‘Trote’, e iso non o privou de poder proxectala en festivais tan prestixiosos coma o de San Sebastián ou no de Locarno, en Suíza.
Queremos agradecerlle o seu comportamento porque a encarga que lle fixemos é moi pequena e el xoga xa noutra liga, pero tomouse o noso proxecto coa máxima profesionalidade. Fíxoo con moito cariño e díxonos que non podía facelo doutro xeito, porque “se dalgún sitio son, é de Xove”.