En Marea denuncia que continúa “o colapso” que padecen os xulgados de Viveiro, denunciado a principios de novembro por dous dos traballadores.
O voceiro do partido instrumental, Luís Villares, explica que “os xulgados de Viveiro padecen un retraso superior aos 18 meses, consecuencia do elevado seguimento da última folga, pero tamén da situación de colapso estrutural que padecían previamente”.
Os traballadores do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Viveiro, tamén integrantes da Mesa Local de Coordinación Institucional da Violencia de Xénero, denunciaron que o tribunal, ao igual ca os das demais vilas de Galicia, ficaba á marxe do Plan de Recuperación ideado para solventar os retrasos acumulados na Xustiza, e focalizado nas grandes cidades galegas.
Villares explica que, ante as protestas, o Goberno galego anunciou “medidas extraordinarias para esta vila que resultaron un parche, que para nada soluciona as necesidades reais”.
“as medidas anunciadas pola xunta para aliviar os retrasos foron un parche”, di o voceiro do partido instrumental
En Marea resalta que “ao longo dos catro meses de folga Viveiro perdeu aproximadamente mil horas de traballo. Logo das denuncias do persoal propuxéronse 20 horas no plan de reforzo, o que suporía tardar tres anos en recuperar o volume de traballo pendente”, precisa.
Neste senso, Villares lembra que para cumprir coa recuperación do 80% das horas de traballo perdidas que establece o plan sería necesario implementar, no caso de Viveiro, “un total de 800 horas, unha cifra moi afastada das 20 propostas”.
VIOLENCIA DE XÉNERO
Villares resalta que os retrasos en procesos relacionados coa violencia de xénero son “especialmente preocupantes. Existen medidas civís derivadas deses casos afectadas por este colapso. Obviar iso significa tamén obviar as denuncias, algo inaceptable, polo que é necesario dispór os medios materiais precisos”, expón.
Así, En Marea insta ao Executivo autonómico a “incluír a Viveiro e as demais vilas no Plan de Recuperación, de xeito que non haxa cidadáns de primeira e segunda categoría e A Mariña Lucense non sexa tamén discriminada no eido xudicial”, e a “apostar de verdade pola igualdade”.