O Xornal da Mariña repasa as novas máis visitadas deste 2018, o primeiro ano que estamos con vós.
O inicio de actividade do dixital, o Día das Letras Galegas, acadou 2.125 sesións.
A historia de Raúl Fraga e Ofelia Río, donos do centro equino Cabaliño de Pau, foi unha das novas máis lidas deste ano, con 2.421 visitas. Tamén foi unha das pezas que máis actividade xerou en redes sociais, compartida 123 veces en Facebook.
O conflito laboral de Sargadelos, que xurdiu o pasado 17 de agosto entre o conselleiro delegado do grupo empresarial, Segismundo García, e a que fora delegada da UXT na planta de Cervo, Rogelia Mariña, foi outro dos temas que suscitou o interese dos lectores.
Un total de 3.460 visitantes informáronse a través do Xornal da Mariña do desafío do máximo accionista ao sindicato.
O percorrido de Sabela en Operación Triunfo (OT) tamén mereceu a fidelidade dos lectores. Tres das novas que reflectiron o concurso da cantante de orixe ourolesa polo popular programa de televisión coáronse entre as dez pezas máis vistas do diario dixital mariñao.
A máis lida, a que adiantou a canción que escolleu para a final. 5.315 internautas entraron na páxina.
Finalmente, a nova máis vista do Xornal da Mariña neste 2018 foi a que contou a batalla do Valadouro contra a velutina. 17.918 persoas accederon para coñecer a receita do concello mariñao contra a avespa asiática.
OUTRAS NOVAS
O por que da nube que protexe (ou tapa) A Mariña Lucense, a historia da caboverdiana-mariñá Antonina Semedo ou a decisión dos responsables do Resurrection Fest de apartar ao grupo cuxo vocalista contratou un sicario para matar a súa muller tamén estiveron entre as páxinas máis visitadas da web.