O Concello de Mondoñedo resolverá o luns na xunta de goberno local a comunicación previa de inicio de actividade que vén de solicitar Mensajeros de la Paz para a posta en marcha da unidade de Alzhéimer da localidade.
Mensajeros de la Paz pediu tamén a exención do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) e a bonificación contida na ordenanza que regula este imposto, que gravará as obras e reformas que se van levar a cabo no centro.
A rexedora, a popular Elena Candia, avanza que proporá que sexa incluído no convenio “doing business”.
o concello quere subvencionar o imposto a través do convenio doing business, asinado coa xunta de galicia
A plataforma, impulsada desde a Xunta de Galicia, ten como finalidade a redución de cargas administrativas para as empresas.
Entre os incentivos está a bonificación de ata o 95% en varios impostos para os proxectos que impliquen a ampliación das empresas xa existentes, sempre que garantan a creación de emprego, como é o caso da unidade de alzhéimer.
OITO NOVOS EMPREGOS
A apertura do novo servizo suporá a creación de oito postos de traballo: un psicólogo, cinco auxiliares xerocultores, un terapeuta ocupacional e un técnico en actividades socioculturais. Na actualidade o centro de día ten empregados a cinco traballadores.
As obras de acondicionamento e adecuación do centro de día para enfermos de Alzhéimer San Rafael ascenden a 49.395 euros. O servizo vaise emprazar na residencia da terceira idade e centro de día da rúa José María Pardo.
QUINCE PRAZAS
A nova unidade de Alzhéimer do centro terá 15 prazas, que se sumarán ás 40 do centro de día.