O Concello de Ribadeo e Acisa presentaron unha primeira estimación dos datos que deixa a pista de xeo natural XL instalada na vila. O goberno local afirma que a instalación xerou ás arcas municipais “un déficit de 20.000 euros” que non obstante hai que valorar, asegura, tendo en conta “o enorme movemento económico que supón” para o municipio.
O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, precisa que o gasto no tocante ao Concello é de “40.000 euros”, que inclúe “o aluguer, a contratación de persoal e o consumo eléctrico para conxelar esa cantidade de auga todos os días”.
A Acisa colaborou coa instalación, que ficou aberta desde o 21 de decembro ao 7 de xaneiro, cun investimento de 6.000 euros no aluguer da carpa onde se ubica a pista de xeo, que rendabilizará o día 12 para a celebración da Festa do Comercio.
Suárez Barcia sinala que a recadación ascendeu a algo máis de 20.000 euros e que o número de vales de desconto empregados foi superior ao de pasadas edicións, o que indica “que o número de usuarios foi maior”.
DEZ MIL VALES DE DESCONTO REPARTIDOS
O rexedor explica que se emitiron 10.000 boletos que o comercio repartiu entre os clientes e que, segundo a Acisa, “acabáronse antes da Noite de Reis”.
Cada un eles equivaleu a tres euros, o que arroxa unha cifra de 30.000 euros. Isto demostra, segundo Suárez Barcia, “que se vendeu, que os consumidores volveron confiar en Ribadeo, e que esta iniciativa funcionou”.
O goberno local defendeu ao longo dos últimos catro anos, malia que a pista soe arroxar déficits, a súa importancia para atraer visitantes a Ribadeo durante o Nadal e estimular o comercio local, un obxectivo que, entende o Concello, é o principal á hora de analizar as cifras.
Pola banda dos comerciantes, “o resultado é moi positivo” dada a cantidade das compras realizadas.
Sen embargo, Suárez Barcia recoñece que a iniciativa ten un gasto tanto para Acisa como para o Concello, que “desde o compromiso de colaboración que manteñen, deberán valorar se esta iniciativa segue ou se se pode pensar en algo diferente, que siga atraendo xente a Ribadeo”.
FESTA DO COMERCIO
No tocante á Festa do Comercio, Acisa repartiu 200.000 papeletas, 50.000 máis ca o pasado ano. Isto demostra, segundo o presidente da asociación de empresarios, Francisco Iriarte, “que as ventas foron moi importantes”.
Acisa sorteará 5.000 euros en vales de compra na celebración, en seis premios. O primeiro constará de 2.000 euros, o segundo de 1.000, un terceiro estará dotado de 500 e haberá dous cuartos galardóns valorados en 250 euros cada un.
A Festa do Comercio comezará ás 20.30 horas, na carpa situada no Parque de San Francisco.