IniciosociedadeUn informe especificará as tarefas pendentes en Xunqueira trala riada

Un informe especificará as tarefas pendentes en Xunqueira trala riada

A directora de Augas de Galicia explicou en Viveiro os primeiros resultados dun estudo para identificar os traballos a acometer na zona

Publicada o

- Advertisement -

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, visitou este martes Viveiro para abordar a situación das zonas afectadas polas riadas do 18 de novembro do ano pasado e as tarefas pendentes a realizar nas zonas dos ríos Xunqueira, Fontecova e Trasposta.

A dirixente do organismo de conca dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade explicou que Augas de Galicia está a realizar un estudo técnico sobre os traballos a acometer na zona, unha vez, asegurou, “están resoltas as incidencias de primeira necesidade”.

Segundo espuxo Gutiérrez, o estudo revela “dificultades pola inaccesibilidade da zona e polos condicionantes do desenvolvemento urbanístico que o Concello debe resolver”.

Entre as incidencias pendentes, Augas de Galicia destaca “a existencia dun muro de peche na cabeceira da conca, unha estrada local cortada polo colapso da ponte ou a erosión nun noiro dunha pista forestal que é o único acceso posible para un tramo con atascos importantes”.

Ademais, o informe recolle “deficiencias existentes nas varandas e os elementos de contención en pontes e treitos do barrio de Xunqueira” ou “erosións na senda da ruta dos Muíños”.

O estudo sinala tamén “restos de ruínas inestables, erosións de noiros descubertos e varandas levantadas pola crecida en zona de vivendas, ou o derrubamento parcial da pequena escolleira anexa ao edificio de cerámica Regal”.

ACTUACIÓNS REALIZADAS

Gutiérrez explicou as actuacións que levou a cabo a Xunta de Galicia, que alcanzan un investimento de máis de 100.000 euros.

A directora de Augas de Galicia asegurou que, “nunha primeira fase dos traballos, os equipos da Xunta actuaron no leito e marxes do río Fontecova, á altura da ponte da rúa Camiño; retiráronse troncos, ramas e material de arrastre, para seguir augas arriba coa retirada de atascos nas estruturas, traballos que se estenderon ao río Trasposta”, indicou.

Nunha segunda fase, as actuacións concentráronse no “dragado do material que colmaba a sección do leito no núcleo principal do barrio de Xunqueira, coa retirada de fragmentos procedentes de muros, paredes, pontes, viondas e varandas”.

LIMPEZA DE CANALIZACIÓNS DE AUGAS PLUVIAIS

A directora de Augas de Galicia sinalou tamén que a estas tarefas hai que engadir as realizadas na limpeza de canalizacións de augas pluviais do municipio, realizadas por técnicos de Infraestruturas.

Gutiérrez asegurou que “estas tarefas, nas que se está a traballar desde o pasado día 11 de decembro, permitiron a limpeza, ata o momento, de máis de 2.500 metros de conducións e máis de 500 sumidoiros e pozos de rexistro”. A dirixente de Augas de Galicia asegurou que acabarán o 23 de xaneiro.

UNHA VÍTIMA MORTAL E 40 VIVENDAS ANEGADAS

As riadas do pasado novembro custáronlle a vida a Amparo Berdeal Camba, unha veciña de Xunqueira de 83 anos. Unhas 40 vivendas do barrio quedaron anegadas e aínda hai algunhas familias que non poideron volver ás súas casas.

Segundo o balance do Concello de Viveiro, afectaron a 24 viais, 17 edificios públicos e 40 vehículos. A oficina municipal de asesoramento aos afectados habilitada polo executivo atendeu 60 reclamacións.

O pasado 19 de decembro, o goberno local presentou a solicitude para a declaración de zona gravemente afectada por emerxencia de protección civil, cun informe que cifra o custo en obras de emerxencia para as arcas municipais en 70.000 euros.

POLÉMICA POLA LIMPEZA DO CAUDAL

O rebordamento dos caudais suscitou unha tensa controversia entre o ente da Xunta de Galicia, que atribuíu a traxedia “a un fenómeno natural que ocorre cada 500 anos”, en alusión ás fortes precipitacións rexistradas, e os veciños, que reclamaban desde anos atrás a limpeza do río.

Mesmo unha edil do PP, veciña da zona, demitiu por discrepancias coa liña argumental do partido.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...